sábado. 24.05.2025
El tiempo

#ForoMobilidade: De Autonomía infantil, seguridade para o peón, aparcamento e multas da vergoña

#ForoMobilidade: De Autonomía infantil, seguridade para o peón, aparcamento e multas da vergoña

Despois da primeira xornada do #ForoMobilidade de Carballo, estes luns 6 e martes 7 de outubro continúan as actividades previstas. Hoxe de feito, serán os cativos e cativas, acompañados da Policía Local, porán as "multas da vergoña" á hora de acceso aos centros de ensino.
Durante estas dúas mañás o Foro terán doble xornada de educación viaria nos CEIP Fogar e Bergantiños, contando coa colaboración da Garda Civil de Tráfico, Xefatura Provincial de Tráfico, Policía Local de Carballo. Os nenos que participaron o curso pasado no camiño escolar acompañarán aos axentes da Policía Local polo entorno dos centros para facer un control dos vehículos aparcados e poñer a multa da vergoña. O programa completarase polas tardes cun parque infantil de tráfico que estará instalado na Praza do Concello. En caso de choiva buscarase un emprazamento alternativo.

O mal tempo impediu

Foro Carballo coa Policia

Ao final, o mal tempo impediu que os alumn@s do colexio Fogar saísen esta mañá de luns de patrulla coa Policía Local para sancionar aos coches mal aparcados coa "multa da vergoña", e as previsións indican que a actividade tampouco vai ser posible mañá no Bergantiños. As multas da vergoña, polo tanto, quedan para un pouco máis adiante. Pero o resto do programa do II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil non cambia. Hoxe celebrouse a primeira charla para escolares de 6º de Primaria (na imaxe), coa participación de axentes da Policía Local e a Garda Civil de Tráfico e persoal da DXT, e mañá haberá outra no CEIP Bergantiños. Tamén segue en pé o paque infantil de tráfico. Iso si, como o tempo non permite facelo na Praza do Concello, trasládase á planta alta do mercado municipal. Lembra, hoxe e mañá a partires das 17.30 horas.

Autonomía fronte a sobreprotección

E repasando a segunda sesión deste II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil, as expertas avogan pola autonomía infantil fronte á sobreprotección para formar adultos responsables. As intervencións da psicóloga Carme Loureiro e da criminóloga Diana Parente reuniron a máis de cincuenta persoas no auditorio do Fórum. “Estamos a vivir na era da sobreprotección dos nenos, “facémosllo todo” e non deixamos que se desenvolvan como seres independentes”, sinalaron.

Dende o punto de vista pedagóxico “hai que construír hábitos dende infantil, non se pode esperar a que chegue a adolescencia”, insistiu Carme Loureiro. E un xeito de empezar a construír hábitos é o camiño escolar, unha iniciativa que se enmarca “na seguridade viaria sostible: camiños escolares, traxectos cotiáns... que axudan a fomentar comportamentos peonís seguros e responsables”, manifestou Diana Parente.

A seguridade, para o peón

Especialistas no ForoMobilidade de Carballo

En liña co novo código de circulación , que previsiblemente entrará en vigor antes de que remate o ano e que establece limitacións de velocidade a 30 e 20 quilómetros por hora nas vías urbanas, o Concello de Carballo traballa nun modelo de mobilidade que prima a seguridade dos peóns. Reducir a velocidade é unha prioridade, xa que nun atropelo a 70 por hora a morte do peón é case segura, mentres que a 50 por hora redúcese ata un 50 % e a 30 baixa ata o 5%.

Pero non é a única. De feito, segundo se puxo de manifesto na segunda xornada do II Foro de Mobilidade e Autonomía Infantil, na que participaron máis de trinta persoas, na oficina técnica do Concello de Carballo trabállase en propostas que pasan por eliminar o tráfico de paso polo centro urbano _que supón un 60 % do total_ completando rúas alternativas coma a Vila de Negreira ou a Luis Calvo-Perú, fomentando o uso da circunvalación gratuíta da AG55 ou habilitando aparcamentos disuasorios no extrarradio. O obxectivo é seguir gañando espazo para os peóns e, sobre todo, incrementar a súa seguridade con accións nas que tamén se enmarca a mellora do alumeado público coa substitución das bombillas convencionais por lámpadas led.

Faltan aparcamentos?

Na súa intervención, Cesáreo Mosquera botou por terra moitas das ideas preconcibidas que existen arredor da mobilidade, como os supostos prexuízos de eliminar prazas de aparcamento no centro. Todo o contrario. “O problema –dixo- é que cando tes catro prazas hai 400 que aspiran a aparcar nelas, e veña a dar voltas e a saturar as rúas e a estropealo todo. Claro que ten que haber estacionamentos, pero hai que ordenalos”. En Carballo, á vista dos datos, o que sobra é onde aparcar.

O arquitecto municipal, Alfredo Garrote, que tamén interveu no foro, dou a cifra: hai 300 prazas por cada 1.000 habitantes, unha ratio moi superior á media. Sen contar as zonas cedidas provisionalmente polos donos dos terreos, no casco urbano existen 9.400 prazas de aparcamento en rede viaria e 282 en espazos abertos públicos (Centro Comercial Bergantiños, Fórum...). Segundo os expertos, non só non faltan, senón que sobran, sobre todo nunha vila na que a distancia máis longa a pé non pasa dos 30 minutos.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios