Martes. 19.03.2024
El tiempo

Fran Hermida: "Temos moitos patrimonios: a nosa fala, o mar, as festas... Pero o Fútbol da Costa tamén forma parte de nós"

Fran Hermida nunha das Galas de QPC
Fran Hermida nunha das Galas do Fútbol da Costa-QPC
Fran Hermida: "Temos moitos patrimonios: a nosa fala, o mar, as festas... Pero o Fútbol da Costa tamén forma parte de nós"
Estas semanas temos a sorte de escoitalo de novo nas ondas costeiras da Radio Nordés. Xa o facemos todos os días neses 10 minutos que a emisora nos fala da actualidade do RC Deportivo, pero o xefe de Deportes da Radio Coruña - Cadena Ser volve estas semanas aos nosos aparatos botando unha man a Antón Lestón.

En QPC temos a sorte de contar con Fran Hermida cada ano na Gala do Fútbol da Costa, o que nos permite volver escoitar á que sempre será a Voz do Fútbol da Costa, como recoñecía a propia RFGF o ano pasado. Aproveitamos para botar unha boa parrafada con el, do noso fútbol costeiro, do Dépor… pero tamén das infraestruturas da Costa da Morte, pois Fran é unha desas persoas que elixe vivir e criar á súa familia na Costa da Morte a pesar de ter que facer 200 km todos os días.

 
  • QPC: Que sintes ao volver a Radio Nordés?

A verdade é que… nostalxia. Porque lembrar todos aqueles tempos tráenme sensacións moi positivas, dende logo. Hai días que axudo dende a emisora na Coruña, pero outros teño a oportunidade de facelo dende as oficinas de Cee, e lembrei todas aquelas historias con Sieso, Manín, Manolín, Calabanda… Fun moi feliz facendo radio na Nordés.

Vanse cumplir 10 anos dende que marchei para Coruña, dende agosto 2010… Pero teño agora teño a oportunidade de reencontrarme co Deporte da Costa e me encanta. Preguntáronme se podía botar unha man e como son un matao, dixen que si! Pero é que é a miña xente, e estou moi contento. Falar de Fisterra, Xallas, Dumbría… equipos cos que teño pasado moito tempo, dame moi bo rollo. Veño completar o traballo de Antón. Realmente eu poño o nome porque el traballa de dez.

 
  • QPC: Cando chegaches á Nordés seguro que non foi difícil adaptarte, pero como foi a adaptación á Radio Coruña?

A verdade é que foi un tema, en certo modo, traumático. A min me transplantaron para ir. Tiven un xefe que apostou moi forte por min, e non puiden dicirlle que non. Viña de sufrir cousas chungas como o accidente, a falta da miña nai… estaba todo moi no aire. E estaba estabilizándome cando me lanzan para a Coruña, un ambiente descoñecido para min. Fágome cargo dunha situación totalmente nova, sendo responsable dos deportes  da radio e de Localia, naquel momento. E chego sen contacto ningún, sen fontes para conseguir información… non tiña nada. Veste obrigado a dar talla, nunha casa como a SER tes que facelo ben sen excusas, pero non tes nada para agarrarte. “Por onde empezo?” pensaba… Ao principio foi fodido. Pero como eu sempre digo que o que non te mata faiche forte, xa son 10 anos…  ¡¡e inda non me botan fóra!! (ri).

 
  • QPC: Cando miras atrás, aos teus inicios, pensabas estar a día de hoxe como xefe de Deportes da Cadena Ser e seguindo a todo un equipo como o Depor?

Nunca o pensei, sinceiramente. Non é que non se me pasara pola cabeza, pero eu nunca fun unha persoa que me marcase cotas, para “chegar a”. Para min o reto é facer as cousas ben, facer un bo produto, traballar con principios, e sendo honesto e que despois a xente que ten que valorar, que valore. Mentres vaia facendo isto, eu estou feliz. Eu era feliz facendo radio na Costa da Morte. Por exemplo, nunca me prantexei traballar na tele e acabei presentando un programa, sen buscalo.

Chámame a atención como a xente interpreta que o éxito está en ir cada vez máis lonxe. Moitas veces a xente pregunta se non me gustaría ir traballar a Madrid… ¡¡Pero se a min Madrid non me queren para nada!! (ri). Como se traballar alí fose máis importante ou fose mellor que facelo na Coruña, por exemplo… Igualmente cando o trolerío das redes sociais me deixa caer que se o Dépor vai mal vou ter que volver á Costa… coma se iso fose unha cousa mala. Para min a verdade sería algo motivante, igual que o que fago na actualidade. E de feito, cando me levaron para Coruña, a miña ultima carta na negociación foi ter un comodín: cando eu dixese que quero volver, que me acepten de volta. Se volvo algún día, que ninguén interprete que me están quitando galóns, dende logo, será una elección persoal.

 
  • QPC: Daquela, non ves que na túa carreira profesional pode haber un pasiño máis? Cubrir un Mundial, unha Eurocopa, un Tour de Francia, unha Vuelta a España… un Carrusel a nivel estatal?

Como che digo, non interpreto que facer radio en Madrid sexa triunfar máis que facelo en Coruña ou en Corcubión. Triunfar para min é facer as cousas ben, esteas onde esteas.
Pero estás falando de eventos moi grandes… Por exemplo, para min os Xogos Olímpicos son tremendos, o cumio… eu disfruto moitísimo co deporte. Pero a día de hoxe non o vexo como algo próximo. Non é falta de ambición, se alguén precisa de min aquí estou, dende logo que me gustaría, pero tampouco vou facer o imposible por colarme. Se chega algunha cousa desas, serei moi feliz, pero non perdo un minuto en pensar “teño que chegar ata aí”. Por poner un exemplo, eu tento demostrar que son un bo escalador e se me precisan para subir algún oito mil, vou encantado.

En todo caso, como son un cú inquieto, como non teño traballo abondo na radio (ri), póñome a facer un podcast de entrevistas como é Extra Radio e outro de ciclismo, como é A Rueda Podcast, que están funcionando moi ben e que me enchen moito porque saes da roda do día a día.

 
  • QPC: Es todo un foco de atención nas redes sociais. Tes máis de 16.000 siareiros no teu twitter persoa. Por que es tan activo? Que che aportan, máis cousas boas ou malas?

A presenza nas redes para nós, os xornalistas, é algo positivo porque é outro xeito de comunicar, e tamén dache un retorno. A xente pode expresar o que pensa do teu traballo. Neste negocio estamos moi pendentes do EGM, pero temos estatísticas todos os días cos programas descargados, por exemplo. O EGM é un dato máis frío, pero as redes sociais, se as sabes interpretar poñéndolles certos filtros, son moi enriquecedoras.
 

Nas redes eu non me arrugo. Se teño que falar de cousas que trascenden do eido deportivo, non calo, porque creo que estamos nun mundo onde ten que primar a liberdade de expresión. Se iso falla, algo estamos a facer mal.

O problema das redes é que alí vale todo. Eu estou disposto a falar, a entablar un debate en torno a argumentos, porque os xornalistas tamén temos dúbidas, e temos que facernos moitas preguntas antes de chegar a unha opinión. Pero agora estamos sometidos a fakenews diarias. A min tocoume vivir unha campaña dalgúns que me consideraron “un inimigo”, con noticias falsas que nin tiñan nin pés nin cabeza. E cando te ofreces a falar directamente e explicar esa falsidade, non vén ninguén en persoa. A xente prefire lanzar aos trolls, que dar a cara. E se lle sumas a mala situación do equipo, do Dépor, coa proliferación de mentiras, veste envolto nun incendio desagradable. Pero é o que nos tocou vivir e desde logo teño claro que con todo o que teño pasado, fan falta máis que fake news para que me afecte.

Nas redes sociais é como cando vas a un bar cheo de borrachos, non podes facer caso a todo o que abre a boca. E como cando a xente di “lo leí en internet”. ¿Pero onde?, porque se o les en El País, ten unha fiabilidade, pero se o les nun panfleto dixital, a cousa cambia. Non hai que tomar as cousas en quente. 

É certo que os xornalistas somos persoas, inda que non o parezca. Enfadámonos igual ca un encofrador ou un panadeiro. Os periodistas responden e insultan como o resto de persoas deste país. As veces cóllenche nun día malo, e respostas, pero é certo que temos que saber levalo.
Cando falamos de redes sociais sempre se me ven á cabeza José María García. Eu que escoitei radio con José María García, xa cando estaba nesta casa, na SER. Imaxina se García tivera Twitter daquela… tiveramos chegado á Guerra Civil… A que se tería liado!!.
 

  • QPC: Que similitudes e que diferencias ves entre o fútbol profesional, véxase no Dépor, e o Fútbol da Costa?

O peor é que normalmente copiamos o malo. As chorradas do Fútbol profesional, ás veces as acabas atopando nos campos dos modestos. Por exemplo cos rapaces, non copian como tirar as faltas, pero ás veces si copian o xesto á grada dunha celebración irreverente.

 
  • QPC: Como vés o estado de saúde do Fútbol Costeiro?

A min o que me chama a atención actualmente é a gran preparación dos técnicos. Creo que hai un nivelazo nos banquiños do fútbol costeiro, e esa profesionalización penso que se ve bastante máis nos banquiños que no terreo de xogo. Os preparadores xa teñen os seus títulos, van aos seus cursos… nótase unha diferencia bastante importante. Son os que ensinan, son os patróns da nave, e iso é fundamental.

Antes se sentaba xente que sen formación si que podía aportar moito, pero tamén habia xente que… telita. Agora isto serve de filtro. Tamén haberá xente que teña título que se debería adicar a outra cousa, pero en xeral, ver que a xente se preocupa de formarse e que lle pon interese, normalmente indica que non é para poñerse na banda a facer animaladas.

 
  • QPC: Que supón para ti seguir narrando a final da Copa da Costa?

É unha desas citas que todos os anos teño apuntado no calendario. Era o retorno ás orixes. Atopabas a directivos, futbolistas… Eu o que son porque o empecei  a labrar aquí. Era curioso porque con moitos non nos coñecíamos de vernos, pero sí tiñamos confianza de falar por teléfono. E estas citas servíannos para poñernos cara.

Falo en pasado porque faltei á cita do ano pasado, porque estaba no fatídico partido do Dépor en Mallorca, que foi a miña peor experiencia radiofónica, e aínda por riba serviu para perderme a final da Costa. Pero espero poder seguir facéndoo moitos anos máis.
 

 Final da Copa da Costa de 2012 con Fran Hermida á fronta da retransmisión da Radio Nordés Cadena Ser
Final da Copa da Costa de 2012 con Fran Hermida á fronta da retransmisión da Radio Nordés Cadena Ser
  • QPC: Tamén eres o presentador oficial das galas de Que pasa na Costa, que opinión che merece este tipo de eventos?

Parécenme que están xenial. Por un lado as xentes do Fútbol da Costa podemos vernos a cara en masa. E está moi ben, e é un aliciente para clubs, adestradores, xogadores… a ninguén lle amarga un premio. Que alguén recoñeza a túa labor sempre é positivo.

Creo que a xente ten que interpretar que esa é a súa gala. Porque se ben a gala a organiza alguén que informa, que non é que sexa parte intrínseca do fútbol, a xente ten que agradecer que alguén se rompa os cornos por organizar algo así. Inda que só fose por agradecemento, creo que sempre hai que estar. Mola porque a xente vaise dando conta de que QPC organiza para nós, e a xente que acode, o pasa sempre ben.

A Gala é un deses valores a conservar. E cando marchas fóra da Costa, cando falas da Copa da Costa, por exemplo, a xente observa con envexa. Aquí tes esas finais da Copa da Costa, a Liga da Costa, tes varios medios, hai unha Gala, o álbum de cromos… unha serie de cousas que noutros sitiso non existen.

A min cónstame que en Nordés tiñamos oíntes de Ferrol e das Rías Baixas aos que lle gustaba o fútbol modesto e que nos escoitaba, e que nos dicían “xa nos molaría a nós ter unha emisora que falar das nosas competicións. Xa nos gustaría ter una Copa como a vosa”. A xente de aquí, como xa o ten asimilado, non o valora, pero isto hai que regalo e coidalo todos os días.

Na Costa da Morte temos moitos patrimonios: a nosa fala, o noso mar, as nosas festas, o Camiño… Pero o fútbol tamén forma parte de nós, tamén é algo que nos define. Temos unha maneira de vivir e sentir o noso fútbol, non o da tele, o do equipo da túa vila. Aqueles partidos históricos, derbis… Todo iso hai que conservalo porque é o noso patrimonio.
 

 
  • QPC: E como vés a saúde do deportivismo na Costa da Morte?

Eu creo que ben, porque ao final eu vexo mogollón de xente do Depor que cada fin de semana segue ao equipo, indo ao estadio. Eu mesmo atopo xentes da Costa nos desprazamentos por toda a península.
A realidade é que estamos en periodo de reanimación despois do de Mallorca… moitas cabezas quedaron alá. Foi unha experiencia traumática… cando te ves xa de volta na Primeira, e levas un golpe tan grande é duro. Agora o deportivismo da Costa, como en xeral, está pendente dos cambios do club, que non van ser pequenos.

O que é innegable é mérito dun equipo como o Dépor polo fiel que é a súa xente. Xogue onde xogue sempre hai unha boa cantidade de seareiros na bancada, e iso que Tebas se está encargando de quitar as afeccións rivais, e mesmo dos afeccionados propios dos estadios.
 

Coruña, en proporción, é unha das cidades onde máis xente é do seu equipo. E Coruña é do Dépor. Si que hai xente do Madrid e do Barca, ten que haber de todo (ri), pero na Coruña a xente maioritariamente é do Depor, e non ten segundo equipo. Paréceme moi bonito. Para min, pertencer a un club, para ter ese sentemento de propiedade, ten que ser algo co que te identifiques. A min me poden gustar os Lakers, pero se perden tampouco pasa nada, porque para que che toque a fibra, ten que se algo teu e que o sintas como tal. É así como o interpreto:  precisas esa sensación de pertenza para sentir un equipo. Gústache ir coas cores branquiazuis porque es galego e e iso che define como un xeito de estar no mundo. Por iso nunca entendín ser dun equipo de lonxe, porque non te representan, custa máis sentir que é algo do que formas parte.
Dito todo sito sen desemerecer o meritazo que ten moita xente que nin é de Coruña, nin galega, nin nada parecido e son do Dépor. Hai una peña en Madrid que son todos de alí e arredores (Madrid, Segocia, etc) e son do Dépor. Meritazo por escoller isto porque para eles sería moito mais sinxelo ser doutros equipos. 

 
  • QPC: O outro día estivo Fernando Vázquez en Vimianzo, nun deses actos que fan que o deportivismo cale un pouco máis na Costa da Morte. Que opinas da pouca ou nula presencia do Dépor na Costa, por exemplo no número de xogadores costeiros na canteira branquiazul?

É difícil, porque a verdade é ata que hai pouco, pola maneira que había de traballar no fútbol base, non era nin recomendable traer xente. Sería marabilloso, pola maneira que temos na zona de sentir o fútbol, que un rapaz que ten cualidades vira que chegar a ser futbolista profesional no Depor non é unha quimera, é algo real. Hai que convencer á xente de que se es bo, e traballas moito, podes chegar, porque se a xente pensa que aínda que sexas moi bo é imposible chegar, non facemos nada. Un paso sería ese, convencer de que, sabendo que é moi difícil chegar a ser profesional, é posible.

E temos exemplos, como a base de Zubieta na Real Sociedade. Se nun sitio así saen tantos futbolistas, non creo que sexa porque sexamos xenéticamente peores. Como pouco sería bo que os bos futbolistas da Costa da Morte fosen pasandos os filtros da canteira do Dépor. Que o vexan como unha opción real. Aí hai un amplo camiño que percorrer, hai que xerar sinerxias que temos que aproveitar todos.
 

Afortunadamente que estamos vivindo cousas que nunca pensei vivir. Que teñamos a oportunidade de ver, a unha hora da Costa da Morte a segunda mellor liga de baloncesto do mundo ou fútbol de elite é un luxo. Igual pensaríamos hai 30-40 anos, co Dépor, un equipo que pasa por un momento difícil, pero un dos grandes a nivel europeo, e está aí.

Os que viamos ciclismo nos 90, agora nos atopamos que unha das tres grandes voltas a nivel mundial pasa de cando en vez por aquí… E que unha das mellores probas cicloturistas tamén se organiza aquí… iso nos anos 80 sería como pensar en que existisen voos tripulados a Marte.
 

  • QPC: Ti que, fas quilómetros e quilómetros por vivir aquí, que sensacións che xenera o nivel de infraestruturas do rural costeiro?

Pois a sensación é que a nivel deportivo estamos bastante mellor que a nivel social. Por exemplo, o Concello de Dumbría, facendo camiño sen depender de ninguén, están facendo cousas incribles. A súa política é exemplar, apostando polo ciclismo, o volei…

Pero a nivel social… eu moita culpa bótolla aos alcaldes, que están acomodados… Nunha bisbarra con tantas carencias, por que non facemos unha folla de ruta para todos? Xa o dicía hai 10-15 anos… e a cousa segue igual, non nos poñemos dacordo en nada. Aínda que sexamos de diferentes partidos, poderíamos sentarnos a decidir cales son as necesidades básicas. E agora mesmo a Costa da Morte é case monolocor, semella máis posible e sen embargo hai  moi pouco ruído.

De Carballo para abaixo atopar un pediatra é imposible. Debe ser se a Costa da Morte os nenos valen menos. O dos cortes de luz é tremendo, parece que volvemos 25 anos atrás. A Autovía ata Berdoias esquecida... Os alcaldes deben situarse e esixir en alto: “Téñennos esquecidos”, pero se non fas ruído, tómanche o pelo. Mira en Verínm fixeron ruído, e levaron o pediatra de Cee para alí. “Como na Costa non protestan…” deberon pensar na Xunta.

A xente debería reaccionar en bloque. O dos pediatras é un tema para todos, non só para os que temos fillos. O centro de día é para todos, son só para os maiores. Eu quero vivir nunha comarca con servizos. Cada vez van precarizando máis o que significa vivir aquí. Trátase de que entre todos sexamos capaces de defender a nos aterra, de vivir nun lugar con bos servizos, porque nos tempos que corren, se xa xuntos é difícil facerse oir, por separado nin te conto…e en silencio acabarás por desaparecer do mapa. A tendencia é privarnos cada vez de máis cousas e ante iso non cabe ser cómplices. A España vaciada?? Se a estades vaciando vós!!.
 

 

Novas relacionadas

Comentarios