Venres. 29.03.2024
El tiempo

Fran Hermida: "QPC e mais eu temos a mesma vontade de dinamizar o 'microuniverso' da Costa da Morte"

Fran Hermida: "QPC e mais eu temos a mesma vontade de dinamizar o 'microuniverso' da Costa da Morte"
Fran Hermida director da Gala do Futbol da Costa-QPC 2017 Fran Hermida sempre se presta para ser o director das Galas do Fútbol da Costa-QPC Continuamos abrindo as nosas fiestras para que poidades coñecernos un pouco mellor no marco do noso 10º aniversario. E hoxe queremos falar ca que sempre será “A Voz do Fútbol da Costa” e que, dende hai varios anos, é a Voz do Deportivo na Radio Coruña Cadena Ser. Canteira costeira que segue medrando a nivel profesional, xa hai que anda avisando a Manu Carreño que mire polo retrovisor. Fran Hermida leva coñecendo QPC dende o seu nacemento. Un dos veciños corcubioneses que mellor acolleu á familia Galinus dende o primeiro día, nunca di que non para participar nos líos ao que o invitamos. Non falla nunca como presentador das Galas do Fútbol da Costa, e moitos lembramos aquel “Galinus no Mercado” dirixido polo seu micro:
 
  • QPC: Fuches un dos primeiros en acoller aquel grupo singular de rapaces que chegaban a Corcubión aló por 2006-2007. Que te chamou a atención deles? Como se foron adaptando á vida caribeña-costeira?
Foi un sentemento de proximidade porque me sentín moi identificado. Eu tamén abandoara a vida "urbanita" e que aquela xente fixese un camiño similar facíame sentir menos só na miña decisión de establecerme en Corcubión. Poñíamos en valor as mesmas cousas cando se trataba de defender a vida nun entorno rural como a máis axeitada para o que nos pedía o corpo naquel intre. Ademais diso, eramos xente inqueda, con gañas de facer cousas, de dinamizar o lugar no que viviamos. Non apostamos por unha presenza pasiva ou acomodada, senón que a vontade era evolucionar o "microuniverso" no que nos moviamos. A materia prima estaba aí, a Costa da Morte é un paraíso, pero había un extenso terreo para mudar. A adaptación á bisbarra foi total. Vivimos nunhas vilas onde todo sabemos de xente que chega de fóra a traballar pero que non se sumerxe na vida do lugar no que están. Traballan de luns a venres e ese día, ás tres da tarde, ou antes, fuxen. Xentes que ás veces non chegas nin a saber da súa existencia. Os de Galinus/QPC non tiñan nada que ver con esa actitude. Dende o comenzo formaron parte de nós, acudindo a todos os lugares nos que se facía vida na bisbarra, aos actos onde se xuntaba a xente da Costa da Morte.. en todo iso os bares e as festas teñen moito que dicir, pero non imos tirar por aí, hahaha... Agora en serio, sempre gustei desta xente, xa que era unha opinión a ter moi conta: non é o mesmo como nos vemos nós a como nos ven. E eles nos vían dende fóra pero coñecéndonos dende dentro. Vaia rollo estou soltando...  
  • QPC: Xa dirixías o "Vivindo a Costa da Morte" da Radio Nordés cando nacía QPC. Que pensaches entón do proxecto? Que cres que aporta QPC á zona?
Si, eu me incorporei a Radio Nordés Cadena SER, oficialmente no 2004, aínda que dende un tempo antes xa estaba alí. Daquela pensei que era unha aportación interesante, e por iso sumei ao programa a dous membros do equipo Galinus como Dani Cerqueiro e Xabier Calaza. Lembro con moito cariño a cada colaborador e cada minuto que pasei alí, e iso obviamente inclúeos a eles. No momento en que aparece Radio Nordés eu traballo na tele e pola miña mente non pasa a posibilidade de acabar adicándome á radio, cousas da vida... Pero son un oínte da SER dende que teño uso de razón. Escoitar aos Gabilondo e compañía, e que polo medio apareceran cuñas publicitarias en galego e da bisbarra, foi algo emocionante. Pero o tema non era só iso, que sería o anecdótico, o importante era a aparición dun medio que contaba dende aquí, o que sucedía aquí e como falamos aquí... sen intermediarios. Había un déficit importante de medios de comunicación na Costa da Morte e Nordés axudou a vertebrar a bisbarra, dende ese momento os de calquera concello empezaron a coñecer o que se facía nos concellos veciños... viviamos moi de costas uns aos outros. Pois QPC fixo algo así, nun terreo case virxe coma era a internet e o entorno dixital.  
  • QPC: Crías que podería durar 10 anos?
Cada proxecto que nace precisa dun financiamento e ese era a principal dúbida que podía haber sobre o seu futuro. Polo medio chegou unha crise que inda temos enriba pero aí seguimos sobrevivindo todos... e espero que por moito tempo.  
  • QPC: Cales cres que son os puntos fortes do proxecto?
A proximidade e a accesibilidade. Como indiquei anteriormente fala de nós e coma nós. Eses teñen que ser puntos innegociables para celebrar o 20º aniversario.  
  • QPC: Dende a primeira invitación (aquel vídeo “Somos Galinus” nos que os veciños contabades que facíamos) ata as xa catro Galas do Fútbol da Costa, nunca tes un NON para nós. Por que?
Por dous motivos: por compromiso e por afecto. A todos nos gusta sentirnos queridos e eu, nos actos que organiza QPC, estou entre xente á que aprezo e que sinto que é mútuo (ou moito disimulan...). Ademais por compromiso. Eu desenvolvo a miña actividade laboral fóra da bisbarra pero sigo crendo que teño unha responsabilidade para axudar a que a miña terra progrese, teño ese sentemento de pertenza. Cada vez que se me chama para participar en calquera acto non sei dicir que non. Neste caso, coas Galas, é algo vinculado ao fútbol e pese a que eu xa non informo da bisbarra, quero poñer o meu gran de area a que siga moi vivo algo que tamén define á Costa da Morte como é o noso fútbol. Somos Galinus from Galinus, Taller de Novos Medios on Vimeo.  
  • QPC: E a nivel persoal… Xa son 4 anos dirixindo o Coruña Deportiva na Radio Coruña. Botas de menos a actualidade informativa da Costa da Morte ou do Fútbol da Costa?
A radio e a Costa da Morte son dúas paixóns. En Radio Nordés puiden unir ambas e gardo un precioso recordo de todos e cada un dos días que alí pasei. Teño que darlle as grazas a Pepe Formoso por confiar en min no seu día. Todo o que podo ser na radio, déboo á etapa de Nordés e sempre teño a sensación de que tarde ou cedo haberá unha volta ás orixes. Non chego a botar de menos, porque o feito de residir en Corcubión fai que realmente non teña espazo para botar en falta porque sigo formando parte disto. Non o conto eu, pero estou ao tanto de todo. Fran Hermida facendo de Riobóo no Mercado Medieval, en varias imaxes ca Cadena Ser emais facendo entrega dos Premios Eganet Fran Hermida facendo de Riobóo no Mercado Medieval, en varias imaxes ca Cadena Ser emais facendo entrega dos Premios Eganet  
  • QPC: Aínda así, fas cada día case que 200km para criar ao teu fillo en Corcubión. Como se lle pode chamar a ese esforzo?
Tolemia, chaladura... non sei. A miña parella e eu sempre tivemos claro que este entorno era o que queriamos para criar ao noso fillo. Conleva un esforzo grande, pero estou contento de que o rapaz coñeza o entorno, a súa familia... Espero que cando sexa maior valore dende a educación que recibe, nun colexio cun trato familiar, a outros aspectos como medrar nunha vila onde a xente te coñece, e onde non eres un mais. No aspecto persoal, vivir aquí dame moito aire, cando regresas de estar traballando a mil todo o día, cando deixas o tráfico da cidade e os quilómetros da estrada, poder pasear por aquí de xeito sosegado, é pura vida. Vivir nunha cidade tan cómoda como Coruña e ter a casa máis cerca do traballo tamén aportaría moito e seguro que tería os seus beneficios, pero esta é a miña aposta de vida. E creo que debe ser algo a analizar, se non queremos que as vilas se convirtan en desertos ou xeriátricos ao aire libre. A existencia de vías de comunicación que nos acheguen á cidade pode servir para fixar poboación, pero o da autovía é a enésima tomadura de pelo á Costa da Morte.  
  • QPC: Coa proxección profesional que levas, pero coñecendo o teu amor pola terra, veste nun futuro non moi lonxano máis en Corcubión, na Coruña ou en Madrid?
En Madrid non creo que me queiran para nada... A xente que me coñece sabe que para deixar Nordés e dar o paso de ir a Coruña xa tiven que facer un esforzo...son unha persoa moi apegada a Costa da Morte. Non penso en nada do que poida vir. Tal e como están os tempos e o xornalismo, a ver se quedamos como estamos, que non é pouco...  
  • QPC: Falando en clave social. Que ou quen cres que pisa o freo para o continuar no eterno retraso socio-económico da Costa da Morte? Cales son as meirandes carencias da bisbarra? Que lle falta á nosa sociedade?
Esta pregunta dá para unha tese. Coido que hai moitos factores. O feito de que sexa unha bisbarra envellecida condiciona a nosa resposta social. Somos unha sociedade "calante", protestamos moito no bar e entre amigos, pero colectivamente somos moi conformistas. Deberiamos ser conscientes de que ao igual que pagamos impostos, debemos recibir servizos e trato como calquera cidadán doutro punto do país. A clase política comarcal, en liñas xerais, non dubido de que teña moi boas intencións, pero non é xente con capacidade para liderar á veciñanza para conseguir melloras. Ou polo menos non o fan, e por iso dubido de que teñan ganas. Aquí non se constrúe unha autovía prometida e se retrasa a obra estrela do Parador e non pasa nada. E se non chías, non te toman en serio e se priorizan investimentos noutros lugares onde fan máis ruído. Os Concellos non poden funcionar como xestorías, facendo pagos ordinarios e encargándose de asuntos "de trámite". Hai que ilusionar aos veciños con proxectos que impliquen a todos e dos que todos nos vamos a ver beneficiados. Cando se fan as cousas en equipo e cando se opta por ser parte activa, hai resultados.  
  • QPC: E… por último. O teu #RecunchodaCosta favorito?
Debe ser a única pregunta á que non podo respostar, porque como namorado desta bisbarra teño un lugar para cada cousa. A praia de Quenxe trasládame á miña infancia e a tempos moi bonitos. Cando quero escapar e desconectar boto man do Mirador e o paseo do Ézaro ou o entorno do Faro en Corcubión. Na bici gústame pasar polo Faro Fisterra ou a Barca. Son un namorado de cada metro de costa do Concello de Carnota, encántame o Faro Vilán e a súa maxestuosidade. A Carballeira de Zas é emblemática pra min, un compendio de sensacións e lembranzas tan agradable... e se sigo, non paro. E por suposto, son de Corcubión e ese é meu rincón, a miña casa e as miñas raíces.  

#10anosQPC

10 entrevistas para #10anosQPC

10 artigos para #10anosQPC

Fonte

Comentarios