Mércores. 24.07.2019
El tiempo

A Galipedia organiza un concurso fotográfico de parroquias galegas

A Galipedia organiza un concurso fotográfico de parroquias galegas

A Galipedia, a enciclopedia libre en galego, convoca un concurso fotográfico de lugares de Galicia para engadir ós seus artigos de parroquias. O obxectivo deste concurso é conseguir imaxes libres para ilustrar os artigos de parroquias de Galicia que non teñen foto, no momento de comezar este concurso hai preto de 700 artigos de parroquias sen imaxe.

As imaxes son fundamentais para ilustrar os artigos xa que achegan un alto valor ós contidos; que cada parroquia de Galicia teña a súa foto é subir un pequeno chanzo no incremento da calidade da enciclopedia libre. As imaxes que se procuran son de tódolos tipos: castros, petróglifos, torres, igrexas, mosteiros, pazos, ríos, regatos, lagoas, fontes, serras, montes, outeiros, fragas, carballeiras, árbores senlleiras, festas, romarías, feiras..., todos os elementos agochados, ou non, das nosas parroquias son de interese para os seus artigos.

Os únicos requisitos son: que non haxa fotos no artigo ó comezo do concurso, que as fotos se suban a Wikimedia Commons cunha licenza libre, que se amose unha imaxe que se poida identificar que é da parroquia, e que se propoña na lista de fotos participantes.

O prazo de presentación das fotos comeza o 1 de xullo e remata o 31 de outubro, e durante o mes de novembro escolleranse as fotos gañadoras. Os premios son: 300 euros para a mellor foto, 200 para a segunda e 100 para a terceira, e a maiores, hai un sorteo de camisetas da Galipedia entre tódolos participantes. Poden consultarse tódolos detalles en https://w.wiki/52e. Nesta páxina tamén pode accederse ás listas de artigos de parroquias que non teñen aínda foto, todas elas nas provincias de Lugo e Ourense xa que as provincias de Coruña e Pontevedra xa teñen todas algunha imaxe. Nesa páxina están dispoñibles tamén ligazón ás listas de parroquias sen foto coas súas coordenadas para facilitar a súa localización.

Comentarios