Mércores. 03.03.2021
El tiempo

Importantes decomisos de marisco en Camariñas, Cee, Corcubión e Fisterra

20210118 comisos e incautacións Camariñas 2
Comisos e incautacións feitos en Camariñas
Importantes decomisos de marisco en Camariñas, Cee, Corcubión e Fisterra

Os operativos contra o furtivismo máis importantes levados a cabo estes días polos Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, déronse na Costa da Morte. Preto de 350 quilos de distintos produtos do mar e se incautaron de 167 útiles así como de máis de 5.000 metros de artes de enmalle foron decomisadas nos nosos portos.

Nun deses controis -realizado na contorna do porto de Cee, na praia de Quenxe e nas proximidades do peirao de Brens- os efectivos do Servizo de Gardacostas requisaron 2.000 metros de artes de enmalle e 89 nasas de distintos tipos que estaban sen identificar. O operativo saldouse ademais co comiso de 66 quilos de centola, 11 quilos de distintas especies de peixe, sete quilos de choco, tres quilos de polbo e algo máis dun quilo de nécora. Todas as especies foron devoltas ao mar.

Noutro control desenvolvido nos portos de Corcubión e Brens, os efectivos do organismo dependente da Consellería do Mar incautáronse de 60 nasas de madeira, 250 metros de artes de enmalle e dous viveiros que estaban calados de xeito irregular, polo que se levantaron as correspondentes actas de infracción. A intervención supuxo tamén o comiso de máis de 15 quilos de centola, 12 quilos de polbo, tres de nécora, dous de peixe e 1,5 quilos de boi que foron devoltos ao mar.

Nun terceiro operativo no litoral de Fisterra os axentes requisaron máis de 1.500 metros de artes de enmalle que estaban se identificar así como 29 quilos de centola, que foron devoltos ao mar.

Finalmente, o Servizo de Gardacostas comisou en Camariñas máis de 90 quilos de nécora, arredor de 62 quilos de centola, 26 quilos de santiguiño e 12,5 quilos de lumbrigante ao tempo que requisou 16 salabardos. Levantáronse as correspondentes actas de infracción pola súa extracción irregular -o santiaguiño e a nécora están en veda e a maioría das especies estaban ovadas- e todo o produto foi devolto ao mar.

comentarios