Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Máis alá do delito

Máis alá do delito


Un detido entrando no Xulgado de Corcubión ante as cámaras da prensa

Estas últimas semanas vivimos outro deses aluvións de publicacións en prensa relacionadas cos roubos perpetrados en establecementos da Costa da Morte. Sabemos os nomes, os apelidos e a aparencia dos detidos porque nos cansamos de velos en prensa estes días. Non me quero parar agora no debate ético deste tipo de prácticas periodísticas, pero si en que hai detrás deles e o problema real que debemos afrontar.

Está claro que esta cadea de roubos provocou unha alarma social e con iso un seguimiento importante por parte da prensa que o colocou en primeiro plano e foi tema en conversación en toda a provincia. Esta alarma fai que se intensifiquen os dispositivos e os medios para dar cos delincuentes rápido, pero unha vez conseguido, estamos máis tranquilos?

Segundo as últimas cifras, en Carballo reduciuse este ano o índice de criminalidade, aínda que doutra banda parece que hai máis reincidentes. Temos claro que o problema segue existindo e que cada tanto nos topamos con noticias dalgunha “banda” ou “grupo” que rouba pola zona. Os delitos son parecidos, o perfil dos que o cometen son parecidos, a zona onde se cometen, etc…

Está claro que hai unha zona e un perfil no que traballar para romper este círculo. Unha zona na que sorprende a permisividade social co delito, a aceptación como forma de vida, e con isto fago referencia, por exemplo, aos comentarios que se viron nas redes sociais tralas últimas detencións. Unha permisividade que non se fragua sen unha contorna no que durante xeracións se leva naturalizando a prisión igual que noutros se fai coa escola, núcleos de poboación onde os índices de abandono escolar e ata de analfabetismo (que algúns cren extinguido) aumentan. Aquí entran tamén outros aspectos a valorar como a relación destes núcleos de poboación coas drogas, recordo que o consumo de heroína volve estar ao alza; ou coas infraccións de seguridade vial, é máis, co número de persoas que conducen sen carnet de conducir.

Con estes primeiros trazos e sen ter tempo para profundar, é moi difícil que a descendencia nestes núcleos de poboación se críen con outros valores. Este diagnóstico social superficial serve para facernos unha idea do perfil que estamos manexando e abrir as portas a solucións, máis aló das detencións policiais, das que tamén ten que ser parte o resto da sociedade. A alarma social non pode terminar cando se producen puntualmente as detencións.

Hai que romper o círculo.

O resultado disto é que temos grupos de poboación cada vez máis excluída, unidos entre eles e cada vez máis separados do resto que fomenta a continuación dunha cultura/costumes moi arraigada e pechada. Unha fábrica de persoas de perfil baixo, corto-pracista, con baixa capacidade de xestionar o tempo e o diñeiro e unha gran inconsciencia das consecuencias dos seus actos. Cousas que unicamente se poden, e si que se poden, arranxar con educación.

Doutra banda, aínda está o problema xudicial, do que tamén se falou estes días: se deben decretar prisión preventiva ou non cando lles deteñen. Esta última vez conseguírono, ao declararlles “grupo criminal”, pero probablemente nun tempo sairán e estarán en liberdade ata que sexan os xuízos, para o que poden tardar longos periodos de tempo.

Neste tempo non se pode traballar con eles para conseguir o abandono do delito ou calquera tema de reeducación, reinserción que é cando se debería facer. Se cadra cando entren xa refixeron a súa vida, ou roubaron máis e seguen acumulando delitos que provocan condenas moi longas. É dicir, a intervención podería ser antes a tempo para que saian cunha idade na que poidan refacer as súas vidas co que chegariamos a tempo para reducir os danos na descendencia tamén. Non pode ser que saian cando xa teñan 40 ou 50 anos e co aspecto que che dá o cárcere logo de 10 anos, quen che dá unha oportunidade? volves ao delito? É máis, os fillos van estar visitando aos seus pais nos cárceres durante anos, vivindo a situación familiar que implia, porque aquí poderíase tamén falar do papel da muller en todo isto. Que facemos polos fillos? Simplemente esperar a que os seus pais lles pasen a “herencia”? Non digo que non teñan que ser castigados, que teñen que selo, pero que non vale con só castigalos, hai que ir máis aló. Un problema nunca se produce illado, hai grietas na sociedade que só coa implicación de todos se poden arranxar.

  • Rosaura Romo. Traballadora do tercer sector.
 

 

 

Comentarios