“O Mar na Escola” permitirá volver estudar o mar e a vela en 13 colexios da Costa da Morte
Arrincaba hai unhas semanas, de xeito independiente, o proxecto O Mar na Escola en Camariñas. E a nivel comarcal, a 17ª edición deste pioneiro programa en Galicia presentábase este xoves no Club Marítimo Carrumeiro en Corcubión.
“O Mar Na Escola 2022 Xogando Co Vento”, organizado pola Escola de Vela Cataventos, coa colaboración dos Concellos de Cee, Dumbría, Fisterra, Corcubión, Muxía, Carnota, así como a empresa Stolt Sea Farm, levará, un ano máis, a vela e o mar ao programa de estudo de 13 colexios da Costa da Morte, adaptando o currículo educativo de 400 rapaces e rapazas ás circunstancias dunha comarca mariñeira como a nosa.
Un dos grandes baluartes é a súa consolidación, resultado da vontade dalgúns profesores e técnicos deportivos de incluír no currículo de Ciencias Naturais, Ciencias Sociais e de Educación Física unha forma innovadora e próxima, coa vista posta na contorna máis próxima "O noso Mar". Así, os escolares recibirán formación teórico-práctica en biodiversidade dos mares e océanos, acuicultura, nocións básicas sobre o vento, correntes e mareas, ademais de teoría da navegación a vela e seguridade no mar.
”Trátase de favorecer un achegamento dos mozos ao mar e á súa contorna a través da práctica do deporte”, explica a responsable do programa e de Cataventos Noemí Bermúdez. “Poderán aproximarse ao medio no que viven, valorar e coidar os recursos do mar e a contorna de ríaa, achegarse ao deporte en xeral e en particular á vela lixeira, ademais de aprender as nocións básicas de navegación, sempre nun ambiente lúdico e establecendo a mellor relación entre alumno-monitor”.
As sesións prácticas realizaranse nas instalacións do Club Marítimo Carrumeiro ou Mariña Muxía; que corresponda por zona aos centros participantes, onde aplicarán os coñecementos adquiridos a través da práctica de diversas actividades como a vela, kaiak, voo de cometas e taller de nós marineros.
Ademais, esta edición volve contar coa celebración do "IV Concurso de Debuxo" patrocinado por Stolt Sea Farm, xa que os resultados das anteriores edicións foron todo un éxito. A rapazada pintará sobre a “acuicultura do rodaballo, beneficios para nosa saúde e para o planeta”.
Os colexios participantes son:
- Concello de Cee: CPR Manuela Rial e CEIP Eugenio López.
- Concello de Dumbría: CEIP Santa Eulalia.
- Concello de Fisterra: CEIP Mar de Fóra, CEIP Areouta e CPR Nosa Señora do Carmen.
- Concello de Corcubión: CEIP Praia de Quenxe.
- Concello de Muxía: CEIP VIirxe da Barca, CEIP Vilarmide, CEIP Os Muíños e IES Ramón Caamaño.
- Concello de Carnota: CEIP do Pindo e CEIP de Carnota.
Novas relacionadas
- 2022: O Mar na Escola celebra o seu 18 aniversario nos centros de ensino de Camariñas.
- O Mar na Escola 2021: A escola de Cee voltou ao Mar.
- O Mar na Escola 2021: O CM Carrumeiro retomou a temporada náutica e hostaleira.
- O Mar na Escola 2021: Os centros de ensino de Camariñas volven navegar .
- O Mar na Escola 2019: O pioneiro Mar na Escola 18/19 botou o peche despois de achegar a vela a case 500 alumn@s da Costa da Morte.
- O Mar na Escola 2018: Fin de curso para as aulas de vela do pioneiro programa O Mar na Escola.
- O Mar na Escola 2017: 400 nenos xogaron co vento co programa O Mar na Escola.
- O Mar na Escola 2016: O Mar xa está na escola.
- O Mar na Escola 2016: 400 nenos estudan o Mar na Escola, programa ao que se une Laxe.
- O Mar na Escola 2015: 300 rapaces puideron levar o mar ata as aulas co Mar na Escola.