Martes. 23.04.2024
El tiempo

Marcos Fernández: "As avespas velutinas están a arrasar a froita da casa dunha maneira sorprendente"

vespa-asiatica-arrasa-froita
Marcos Fernández creou no 2015 a páxina de Facebook "Avispa Asiática Costa da Morte"
Marcos Fernández: "As avespas velutinas están a arrasar a froita da casa dunha maneira sorprendente"

Marcos Fernández López (veciño de Lamas - Zas) é cociñeiro de profesión e apicultor de afección. No tempo que lle queda libre, cóntanos a través das redes sociais a evolución da praga da avespa velutina. Pouco despois de que vira unha velutina e de asistir a unha das primeiras charlas informativas sobre o tema que houbo na zona, creou en outubro do 2015 a páxina de Facebook "Avispa Asiática Costa da Morte" e que hoxe conta con algo máis de 1.100 seguidores.

Falamos con el porque o que está a pasar este ano na comarca de soneira non aconteceu nunca.

  • En que momento estamos?

En canto comecen a baixar as temperaturas, as raíñas comezarán a hibernar. O frío é un dos mellores remedios para o control desta praga.

  • Os apilcutores seguides coa loita contra esta praga. Este ano notáchedes menos ataques?

Con distintos sistemas de trampeo, as colmeas están en boa medida protexidas. Pero para iso temos que empregar sistemas máis avanzados, tales como as arpas eléctricas, que supoñen un gasto adicional e bastante elevado para quen teña abellas a nivel afeccionado. Tamén é unha boa axuda a implicación da veciñanza na colocación de trampas así como iniciativas como as do Concello de Zas coas campañas de trampeo. 

  • Cando é o momento ideal para colocar as trampas?

Eu normalmente comezo a colocar as trampas na primeira quincena de febreiro. E este ano, a diferencia dos anteriores, as capturas comezaron moito antes. Na miña opinión isto débese a que tivemos un inverno e unha primavera con temperaturas moi suaves, polo que as raíñas saíron antes da súa hibernación.

  • Cales son os danos máis frecuentes que causa a avespa velutina?
vespa-asiatica-uveira

Ademais dos ataques, que normalmente fanos cando se sinten ameazadas, este ano están arrasando as froitas dunha maneira sorprendente. A uveira da miña casa arrasárona en tan só dous días e están acabando coas mazáns e as peras incluso antes de que maduren, que son dúas das froitas da casa que máis hai pola nosa zona. Nunca se viu nada igual.

  • A avespa velutina é unha das causas da escaseza de mel caseira?

En parte sí. Cada vez é máis caro loitar contra esta praga. Iso, xunto coa falta de relevo xeracional no rural, fan que cada vez haxa menos apicultores cando antes había colmeas en case todas as casas. 

Comentarios