![Lago en “Villa San Rafael” del Sr. (entre 1910 y 1915). Francisco Guanes.La quinta Guanes está frente a Mburubichá Roga y se extendía hasta la Av. Artigas. En la foto Don Victoriano Abente y Lago y su esposa María Haedo Machaín]()
Lago en “Villa San Rafael” del Sr. (entre 1910 y 1915). Francisco Guanes.La quinta Guanes está frente a Mburubichá Roga y se extendía hasta la Av. Artigas. En la foto Don Victoriano Abente y Lago y su esposa María Haedo Machaín
Tal día coma hoxe, 2 de xuño, conmemoramos o natalicio de dous escritores naturais da Costa da Morte: o muxián Victorino Abente Lago e o baiés Teodoro Morgade (ben estudado polo filólogo Xosé Mª Rei Lema).
Neste artigo recuperamos a lembranza do escritor emigrante muxián
Victorino Abente y Lago, quen foi considerado un dos máis importantes poetas nacionais do Paraguai. Traduzo a biobliografía publicada no
Breve Diccionario de la Literatura Paraguaya:
ABENTE Y LAGO, Victorino (Muxía, 2 de xuño de 1846 – Asunción, 22 de decembro de 1935). Aínda que galego de nacemento, a súa vida e a súa obra identifícanse co Paraguai desde a súa mesma chegada a Asunción en momentos difíciles e tráxicos da historia paraguaia (marzo de 1869), cando as tropas aliadas (soldados arxentinos e brasileiros) ocupaban a capital. Relacionado co segundo tramo do romanticismo nacional (que se inicia coa posguerra do 70) e aínda co posromanticismo, colaborou en varios xornais da capital, onde tamén publicou gran parte da súa obra poética. Creador de poemas dedicados ao renacer da súa nova patria (despois da tráxica
Guerra de la Triple Alianza) e apropiadamente coñecido como “poeta de la resurrección nacional”,
Victorino Abente y Lago tivo a sorte de ver triunfante ao Paraguai na súa guerra contra Bolivia antes da súa morte acontecida en decembro de 1935. Os seus poemas, dispersos en diversos xornais e revistas daquela época, foron recompilados e publicados postumamente en Asunción polo seu neto Cándido Samaniego Abente nun volume intitulado
Antología Poética: 1867-1926 (1984).
![El poeta Victorino Abente y Lago, gallego de nacimiento, pero paraguayo por elecciòn, en sus ùltimos dìas, acompañado de su hija Manuela. Es autor, entre cientos de poemas, de “La Sibila Paraguaya” y “Saltos del Guairà”]()
El poeta Victorino Abente y Lago, gallego de nacimiento, pero paraguayo por elecciòn, en sus ùltimos dìas, acompañado de su hija Manuela. Es autor, entre cientos de poemas, de “La Sibila Paraguaya” y “Saltos del Guairà”
En castelán os seus poemas máis sobranceiros son: “Sibila paraguaya”; “El oratorio de la Virgen de la Asunción”; “La tejedora de Ñandutí”; “El Salto del Guairá”; “Mis dos patrias” e ducias de obras máis.
Alén diso, no
portalguarani.com pódese ler unha importante escolma da súa obra, que se completa nestoutra ligazón.
Ou tamén en
letrasparaguayas.blogspot.com.es.
E outra breve biografía e ligazóns no portal cubano
ecured.
As súas últimas fotografías foron tiradas de
asunciondeantes.wordpress.com, tamén a segunda, que reproducimos coas correspondentes notas a rodapé e que pertencen ao arquivo persoal de Jose Luis Ardissone Nunes.
Pola nosa banda, na antoloxía
De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte (
Sotelo Blanco, 2009), edición literaria de
Modesto Fraga e eu propio, incluímos os poemas en galego que se coñecen e a breve anotación que agora reproduzo:
VICTORINO ABENTE LAGO (Muxía, 1846- Asunción – Paraguai, 1935)
Obra poética:
Antología poética 1867-1926, ed. Cándido Samaniego Abente (1984)
Figura na obra de Eugenio Carré Aldao,
Literatura gallega (1911)
E un deses poemas recompilados é o que segue:
PONTECESO
Estóu na terra de Ponteceso,
frondoso berce do meu curmán,
galaico bardo de moita sona,
cantor do triste preso de Orán.
Ouzo as campanas d’Allóns e sinto
que magoando meu peito están,
porque me lembran o prisioneiro
que chora lonxe do patrio chan.
Altos pinales cobren os montes,
fermoso río recorre o plan,
garrida terra pola que xeme
aquel penado con tanto afán.
Famosa terra que serás de cote
nos moitos anos que pasarán,
nunca esquecida polo recordo
do teu poeta bergantiñán.
- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Artigos de Miro Villar en QPC
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).