O BNG de Coristanco rexeita a instalación de circos con animais
08:05 14/09/16
O debate volve a estar aberto despois de que nos últimos días unha compañía de circo percorra a Costa da Morte. Nesta ocasión é o BNG de Coristanco, que a través da súa portavoz municipal - Laura Mariño Taibo - concelleira de Cultura, Educación e Turismo do actual goberno, presentou no día de onte unha moción relativa á prohibición de circos con animais.
"A moción presentada non só recolle a postura do BNG cara este tipo de espectáculos senón tamén o sentir de diversos colectivos ecoloxistas, de defensa dos animais e do medio ambiente, e dunha sociedade que pouco a pouco se vai concienciando contra o maltrato animal e a nefasta imaxe que traen consigo este tipo de circos, que ofrecen unha visión totalmente distorsionada do que é a fauna silvestre", sinalan os nacionalistas de Coristanco.
Son varios os concellos galegos os que nos últimos anos teñen amosado a súa repulsa contra estas manifestacións de maltrato e uso de animais con fins supostamente de diversión e ocio. "Se ben os circos, como o que estes días se instalou en Coristanco, non amosan condutas explícitas de violencia durante os espectáculos públicos, os actos e vexacións aos que son sometidos os animais durante a súa vida para acadar a súa obediencia e sumisión non poden ser aceptados na nosa sociedade" sinalan dende o BNG.
Ainda que a lei que actualmente regula este tipo de espectáculos é de competencia autonómica - non dos concellos- dendeo o BNG de Coristanco consideran que desde os gobernos municipais hai que fixar posturas a este respecto e tomar todas cantas medidas estean na súa man para non amparar e promover este tipo de ocio, así como instar á Xunta de Galiza a que prohiba os circos con animais tal e como xa fixeron outros países do mundo.
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- BNG Coristanco