Os Bombeiros de Carballo alertan dos riscos máis habituais durante o inverno


Están en todo os membros da Asociación Cultural e Deportiva Bombeiros Bergantiños. Desta volta quixeron aproveitar a presencia do Banco de Alimentos Rías Altas en Carballo coa súa Gran Recollida, para colaborar aportando un lote de produtos de alimentación e hixiene infantil. “Dende a nosa asociación queremos agradecer o traballo do Banco de Alimentos en prol da xente sen recursos e recoñecer a labor dos voluntarios e voluntarias desta entidade”, sinalan os Bombeiros, ao tempo que lembran as situacións de perigo máis habituais de cara ao duro inverno.
Riscos
A entidade quere lembrar unha serie de recomendacións de cara a previr situacións de perigo, sobre todo cando se está a achegar o tempo de inverno:
- Limpar periódicamente os condutos interiores das chemineas para evitar que a feluxe acumulada poida ocasionar un incendio.
- Non empregar braseiros nin estufas con chama visible en espazos sen ventilación onde se poida acumular o monóxido de carbono.
- Realizar as revisións periódicas das caldeiras acudindo a técnicos autorizados.
- Instalar detectores de fume nas vivendas, sobre todo en dormitorios, para que en caso de incendio nos avise da presencia de fume para poñernos a salvo. Son aparellos moi económicos (entre 10 e 15 euros), que non precisan mantemento e que nos poden salvar a vida.
Moito deporte
Así mesmo, a asociación quere lembran que nos últimos 5 meses a actividade da asociación estivo vinculada á participación de varios dos seus membros en eventos deportivos tanto de atletismo como de MTB nas comarcas de Bergantiños, Soneira, A Coruña e Xallas.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).