O Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa, o novo Bergantiñán do Ano
Un premio máis que merecido. O Centro de Promoción Rural - EFA Fonteboa vén de ser distinguido polo Padroado de Bergantiños como o “Bergantiñán do Ano” 2014, ese galardón que medio centenar de entidades outorgan cada ano ás persoas e entidades máis salientables.
Un premio que demostra o bo facer deste centro, o meirande exemplo de formación rural na Costa da Morte. O máis importante e, sorprendentemente o único centro de formación rural na zona, a pesar de que o agro é un dos nosos alicerces económicos.
E moi contentos queda o Centro. O seu director, Luís García, facía esta valoración: ”É un motivo de satisfacción para todos os que formamos a EFA, e supón un estímulo para seguir traballando en coherencia cos principios e fins institucionais: A promoción do medio rural a través da formación das persoas”.
Outros grandes nomes quedaron por detrás na votación, como Senda Nova, o Caiño dos Faros, o atleta Cristian Muíño, o ornitólogo Rabuñal Patiño ou Xesús San Luís Romero.
Dous carballeses do ano
Apretada foi a votación para escoller ao Carballés do ano. Tanto que o párroco Jesús Antelo Quintáns, e o presidente da Agrupación Cultural "Arume" de Verdillo Jesús Cobas Vázquez, terán que compartir o premio de Carballés do ano.
O párroco, ntural do Val do Dubra, leva vinculado a Carballo como crego prácticamente desde sempre, sobre todo na parroquia de Cances, onde en colaboración cos vecinos leva promocionando desde hai anos, ademáis da propia sacerdotal, unha ardua labor asociativa, cultural e vecinal. O pasado ano 2014, celebrou as suas bodas de ouro como crego.
Pola súa parte, Cobas leva máis de 25 anos sendo presidente da Agrupación Cultural "Arume" de Berdillo. Son moitos anos pilotando un grupo de xente que invirte o seu tempo libre en dinamizar a vida cultural desde unha parroquia rural, desenvolvendo diversidade de actividades nas que participan xentes de tódalas idades e procedencias, convertíndose nun referente en toda a Comarca.
Quedaron sen premio o colectivo Crea Formas, a deportista Valeria Anido, o artista Miguel de Cances, a A.C. Telón e Aparte creadora do FIOT, os grupos musicais Apart e Chicharrón ou o proxecto Derrubando Muros con Pintura.
Felipe Senén, Lois Patiño ou a Mostra do Encaixe quedaron por detrás entre os nominados.
Galega do Ano
Luz Casal, foi escollida como a Galega do Ano. Esta cantante galega, ademais de ser unha das principais voces femininas do pop e rock español –sendeixar de lado outros estilos musicais- é tamén unha muller solidaria e comprometida na loita contra o cancro e noutros problemas que padece a nosa sociedade.
Mención especial
O Padroado quere facer mención este ano ao desaparecido José Manuel Ponte Balboa, un vecño que tanto colaborou coa entidade e con outras asociacións da zona.
Novas relacionadas
- Os alumnos do EFA Fonteboa sacan o mellor do leite.
- Aprendendo a xestionar os recursos humanos no agro.
- A Xuventude do EFA Fonteboa, o Aval do rural.
- A agricultura ecolóxica instálase na Costa da Morte.
- O único centro de formación rural tamén ensina fóra da aula.
- Mazaricos prepárase para a Xornada láctea e a Poxa de Xovencas.
- Da importancia da Formación Rural na Costa da Morte.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).