O comercio e a hostalaría de Carballo volven poñerse de loito polo 25N


Cando queda un mes para o Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), Carballo xa vai preparando unha campaña que cada ano ten máis e máis incidencia. A primeira acción, que parte da Concellería de Igualdade, é convocar ao comercio e hostalaría para unirse á campaña “Carballo en negro”.
Carballo é o primeiro que se pon en marcha este ano, pero serán moitos máis os que se suman a esta campaña contra un problema público tan importante coma a violencia machista. E unha das claves é a visibilización, que a rúa viva claramente esta calamidade social, como o demostra o feito de que no que vai de ano xa van 40 mulleres asasinadas en España, delas 3 en Galicia, unha en Cabana.
A intención é pois vestir de loito “en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte”, explica a concelleira Maica Ures. De aí, que os protagonistas sexan os sectores do comercio e a hostalaría, os grandes escaparates dunha cidade, dende onde unha sociedade pode transmitir, ao unísono, a mensaxe de denuncia e solidariedade.
A proposta é que os empresarios vistan do 19 ao 26 de novembro a súa tenda, comercio, empresa, bar, posto do mercado... de negro. O Concello facilitará material e información ( 981 700 688 / 638123460 ou enviar un correo electrónico a [email protected]) antes do 9 de novembro, para poder deixar ben claro no teu escaparate que “Queremos Carballo libre de violencia!