Luns. 22.07.2019
El tiempo

O Concello de Zas completa a súa historia con dúas novas entregas de “Zas polo miúdo”

O Concello de Zas completa a súa historia con dúas novas entregas de “Zas polo miúdo”
A antiga Casa Consistorial, fotografada por Ramón Caamaño Despois de repasar polo miúdo todas e cada unha das 16 parroquias grazas ao traballo de documentación elaborado por Evaristo Domínguez Rial e Xosé María Lema, o Concello de Zas vén de poñer en marcha unha nova fase do programa “Zas polo miúdo” coa que se pretende completar a historia do municipio. A nova documentación, que se repartirá en dúas novas entregas, afonda no estudo e coñecemento dos aspectos xerais do Concello de Zas tendo como base as actas das sesións plenarias que se conservan dende o ano 1852 ata a actualidade. A primeira das entregas xa se pode consultar no espazo “Zas polo Miúdo” da páxina web municipal na que se abarca o período que vai desde o ano 1852 ata o 1900. Nela inclúense os nomes dos alcaldes en cada momento, as vicisitudes políticas locais, novas curiosas,…  e outra información de utilidade para coñecer a historia do Concello de Zas. A seguinte entrega, que será nos próximos meses, continuará con esa historia oficial do concello ó longo do século XX e o que vai do XXI e, de seguido, outros temas como datos xerais do concello (límites, superficie,…); aspectos físicos (relevo, hidrografía, xeoloxía, climatoloxía); aspectos naturais (vexetación e fauna); análise demográfica; aspectos económicos (feiras, agricultura, gandeiría,…); análise das comunicacións ou datos históricos das distintas épocas con especial incidencia no megalitismo, no mundo romano e nos pazos. “Zas polo miúdo” é unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Zas, a través da Concellería de Cultura que encabeza Manuel García Velo. Con este extenso e completo traballo de documentación divúlgase así a historia do Concello e que a veciñanza pode consultar facilmente en calquera momento do día accedendo a ela a través da páxina web municipal. https://quepasanacosta.gal/a-informacion-sobre-a-parroquia-de-baio-incorporase-a-zas-polo-miudo/

Comentarios