O GDR Bergantiños recupera a semente tradicional


O vindeiro xoves, 3 de marzo, arrancará a segunda fase do proxecto de cooperación “Nuevos Horizontes” no que participa o GDR Bergantiños, a través dun acto de entrega de material fitoxenético a produtores que se adhiren ao proxecto e que se levará a cabo ás 13:00 horas no Centro Comarcal de Bergantiños, en Buño.
Un proxecto que pretende recuperar variedades tradicionais de hortalizas así como introducir novos cultivos no noso territorio.
Unindo Galicia e Asturias
O proxecto desenvólvese en varias comarcas de Galicia e de Asturias a través dos GDR que operan en cada unha delas.
Os principais obxectivos son: a posta en valor de terras ociosas; a identificación das producións tradicionais e novos cultivos con potencial; o estudo de posibles vías de comercialización destes cultivos e a creación dunha bolsa de persoas interesadas en incorporarse á actividade agraria.
En fase de execución
Superada xa a fase de asistencia técnica, na que se levaron a cabo as actuacións de posta en marcha do proxecto, comeza este ano a fase de execución na que o primeiro paso é a entrega das sementes dispoñibles para a recuperación de variedades tradicionais e introdución de novos cultivos nos territorios participantes no proxecto.
Neste acto distribuiranse entre os interesados o material do que o GDR Bergantiños dispón actualmente cedido polos centros de investigación agraria galegos que colaboran no proxecto. As sementes que se entregarán son as seguintes: cebola (Vilagarcía), tomate (Negro de Santiago) e tres variedades de pemento (Arnoia, Oimbra e Punxín). Por outra banda, está pendente a recepción de material de variedades locais e outras novas producións de interese (en concreto pataca fina, millo corvo, trigo país, froitos do bosque e algunhas variedades de plantas medicinais).
Novas relacionadas
- 1 ano de GDR e 39 proxectos recibidos.
- Medio Rural une a Costa da Morte e as Rías Baixas Norte.
- Os 2 GAC das Costa unen as súas forzas.
Fonte
- Nota de prensa do GDR de Bergantiños.