Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O PP comarcal reuniuse en Cee para conseguir un goberno que preste máis atención á Costa da Morte

O PP comarcal reuniuse en Cee para conseguir un goberno que preste máis atención á Costa da Morte

A necesidade de conseguir un goberno que preste máis atención á Costa da Morte foi un dos puntos resaltados pola cúpula do PP na reunión mantida onte. O Secretario Xeral do Partido Popular, Diego Calvo, e o Secretario de Organización e coordinador de campaña, José Manuel Álvarez-Campana, mantiveron unha reunión de traballo cos responsables locais do partido xudicial de Corcubión para marcar a folla de ruta que seguirá o partido de face ás próximas eleccións xerais.

Durante o transcurso da reunión, Calvo falou da necesidade de contar con gobernos austeros e eficientes, capaces de "canalizar e pór en práctica a necesidade de cambio manifestada por moitos cidadáns nas pasadas eleccións municipais". O Secretario Xeral considera importante contar con gobernos "serios", capaces de cumprir os compromisos adquiridos, entre os que destacou a defensa dos intereses da Costa da Morte.

Retraso no Parador

Neste sentido, Calvo denunciou a "pésima xestión" demostrada polo goberno socialista en torno ao Parador de Muxía e os nove anos de atraso que acumula. "Cando son os propios alcaldes socialistas os que piden ao seu partido menos palabras e máis feitos, parécenos que estamos ante un síntoma claro de que o proxecto socialista non funciona", comentou, en alusión ás queixas vertidas o mes pasado polo rexedor de Muxía.

Piscifactoría de Touriñán

O Secretario Xeral tampouco esqueceu o que entende por "a oportunidade perdida", nesta ocasión polo bipartito galego, en relación á implantación da planta acuícola de Pescanova, en Touriñán.

"Este desinterese dos gobernos socialistas con esta comarca contrasta coa aposta do PP", dixo Calvo, que recordou actuacións da Xunta de Galicia como os numerosos investimentos enfocados á mellora da actividade portuaria, unha das principais fontes de riqueza da comarca, ou a autovía da Costa da Morte, que "xa empezou a tomar corpo e está dando emprego a case 300 persoas", destacou Calvo.

Futuro

En canto aos retos de futuro, o representante popular fixo referencia, tamén, aos problemas de perda de poboación que sofren boa parte destes municipios, e á necesidade dun programa de dinamización da comarca. "O PP quere impulsar un plan específico e real para evitar que os nosos mozos teñan que irse", destacou Calvo. Ese plan pasaría por pór en valor o inmenso patrimonio natural da Costa da Morte, reorganizando e potenciando o turismo ecolóxico para facelo máis atractivo, e a modernización de programas formativos, "que eviten que os mozos emigren aos núcleos urbanos porque non atopan unha formación adaptada ao tecido industrial e comercial específicos da zona", explicou.

Para finalizar, o Secretario Xeral destacou que "A Costa da Morte non debe conformarse con axudas da administración autonómica", senón que "debe esixir ao goberno central a atención que historicamente lle negou". Por este motivo, Calvo considera de vital importancia para o seu futuro que se produza un cambio en Madrid. Para o Secretario Xeral, os seus cidadáns teñen agora a oportunidade de converterse en "unha peza crave deste cambio" e por iso espera que o PP sexa o partido preferido dos seus cidadáns nas próximas eleccións do 20-N.

Novas relacionadas

Artigos relacionados

Fonte

  • Nota de prensa do PP comarcal.

Comentarios