![Beatriz Mato asinou onte a aprobación definitiva do PXOM de Carballo]()
Beatriz Mato asinou onte a aprobación definitiva do PXOM de Carballo
Onte foi un día histórico na capital bergantiñana. Despois de dez anos de trámites, Carballo ten por fin un Plan Xeral de Ordenación Municipal - PXOM -.
A Conselleira de Medio Ambiente e Infraestruturas, Beatriz Mato, asinou onte, no salón de plenos da casa do Concello, a Orde da Xunta de Galicia que supón a
aprobación definitiva do planeamento, pendente agora da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia - DOG -. Tanto o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, como a propia Mato coincidiron en sinalar durante o acto de sinatura que a xornada de onte foi "un día espléndido para Carballo", "un día grande" que ve como por fin o municipio poderá contar cun documento que, en verbas de Mato "garante o futuro", aposta por un "medio ambiente sostible" e "por manter o noso rural vivo".
Tras máis dunha década de traballo - que comezou xa en 2007 despois de coñecerse a sentenza anulatoria do PXOM de 2003- e de numerosos trámites que comezaron en 2009 co informe previo da Xunta para a aprobación inicial da primeira versión do novo planeamento, poderá comezar o desenvolvemento de moitos proxectos que até o momento estaban pendentes desta resolución. O alcalde lembrou a todas as persoas que de algún xeito traballaron neste PXOM para conseguir que fose "un documento de todos e para todos". Quixo resaltar tamén as "miles de horas de traballo", todo o "esforzo" investido e os "moitísimos quilos de papel" que este documento leva detrás e que permitirán "o desenvolvemento responsable do urbanismo de Carballo", sempre tendo en conta que hoxe "é un día de mirar para adiante".
A conselleira explicou que grazas a este plan xeral continuarase coa
recuperación da ribeira do río Anllóns ao seu paso polo concello, permitirá a recuperación do litoral e reforzará a posición estratéxica de Carballo, como eixo empresarial a través da ampliación do
polígono industrial de Bértoa.
Ferrero quixo nomear en concreto tanto ao
equipo redactor do PXOM de Fernández Carballada, ata ao persoal da Oficina Técnica Municipal -todos eles acudiron a presenciar a sinatura-, pasando polos concelleiros de Urbanismo que nalgún momento supervisaron os traballos, como son Manuel Andrade (TEGA), José Antonio Viña (PSOE) e a responsable actual do BNG, Milagros Lantes. Así mesmo, tivo verbas para todas e todos os integrantes da Comisión de Urbanismo, que dedicaron moitas horas de traballo a este plan, e para todo o persoal administrativo municipal encargado de revisar o documento folla por folla. Por último, tamén manifestou o seu agradecemento expreso para a propia Mato, para a Secretaria Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas -presente no acto- e mesmo para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que chamou esta semana en persoa ao Alcalde carballés para informarlle da aprobación definitiva do PXOM. Beatriz Mato quixo tamén facer extensivos os seus parabéns a "todas as persoas que participaron na elaboración deste plan" porque "cando as cousas se fan en colaboración é moitísimo máis doado sacalas adiante".
Seis anos de xestións coa Xunta
A Conselleria de Medio Ambiente tamén quixo resaltar que, tendo en conta "a casuística especial" do concello de Carballo, "seis anos non son moitos" para sacar adiante un planeamento que contou coa colaboración "de todos os grupos políticos" e que, segundo subliña Mato "reflicte un urbanismo responsable". Rematou dicindo que dende a Xunta "para nós tamén é un día especial" e manifestou o seu desexo de "seguir traballando co concello de Carballo, aínda que sexa noutros asuntos".
O acto para ratificar a aprobación definitiva, breve e sinxelo, comezou na alcaldía coa sinatura de Beatriz Mato no Libro de Honra do Concello, no que desexou "contribuír a mellorar a calidade de vida dos veciños". Xa no salón de plenos, ademais de contar coa presenza dos traballadores e traballadoras da Oficina Técnica Municipal, o acto tamén contou coa asistencia da actual concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes; dos ex concelleiros de Urbanismo Manuel Andrade e José Antonio Viña, encargados tamén no seu día de elaborar o documento; do deputado e voceiro de Sanidade no Parlamento por parte do PP e ex Concelleiro de Carballo, Aurelio Núñez Centeno; e de numerosos respresentantes de todos os grupos políticos da corporación.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Carballo