xoves. 01.05.2025
El tiempo

O VIII Congreso Galego de Ornitoloxía afondará sobre as potencialidades do Turismo Ornitolóxico da Costa da Morte

O VIII Congreso Galego de Ornitoloxía afondará sobre as potencialidades do Turismo Ornitolóxico da Costa da Morte
Congrego Galego de Ornitoloxia en Cabana 2013

Dende este venres 25 e ata o domingo 27 de xaneiro de 2013 terá lugar o VIII Congreso Galego de Ornitoloxía, organizado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía en Cabana de Bergantiños. Un congreso que vén a poñer en valor as potencialidades da Costa da Morte en materia de turismo ornitolóxico.

O congreso, baixo a temática principal de “Áreas de interese para as aves en Galicia”, contará coa participación de ornitólogos profesionais e afeccionados, investigadores, persoal e técnicos da administración, representantes de entidades gobernamentais, privadas e organizacións sen ánimo de lucro chegados dende todo o territorio español.

A inauguración oficial do Congreso terá lugar o sábado 26 ás 9:00 h da mañá, e durante toda a fin de semana presentaranse arredor dunha vintena de traballos, entre comunicacións orais e tipo panel, contándose coa presenza de medio cento de asistentes.

E mentres, dende a Plataforma Salvemos Cabana aproveitan para solicitar unha postura á Sociedade Galega de Ornitoloxía sobre o proxecto mineiro na zona.

Programa do VIII Congreso Galego de Ornitoloxía

O congreso comeza o venres 25, á tardiña, cun taller centrado na temática do congreso onde se debaterá sobre a metodoloxía e criterios para a definición dunha serie de espazos de interese para as aves en Galicia. A pretensión é que isto desemboque nun proxecto de inventariado que contribúa á correcta e eficiente conservación das nosa avifauna e por extensión do noso patrimonio natural.

O sábado abrirase a xornada coa presentación do novo inventario de "Áreas Importantes para as Aves", máis coñecidas como IBAS (do inglés Important Bird Areas), en España por parte do encargado do departamento de conservación da Sociedad Española de Ornitología (SEO/BirdLife). Rematará o día cunha conferencia do xenlleiro ornitólogo “local” D. José Luis Rabuñal Patiño que leva máis de 40 anos adicado ao estudo das aves na enseada da Insua e o esteiro de Anllóns, e que mesmo ten un mirador ao seu nome.

Turismo Ornitolóxico

A sesión prevista para a mañá do domingo 27 versará sobre o Turismo Ornitolóxico e será de libre acceso para todos os interesados na promoción desta modalidade turística. O Turismo Ornitolóxico é o exercido por aqueles aficionados á natureza en xeral e ás aves en particular que se desprazan da súa localidade para observar aves en liberdade. Este fenómeno en España e Galicia leva moitos anos manifestándose e son xa varias as axencias especializadas que consideran esta modalidade na súa oferta, chegándose incluso a configurar clubs de produto. A Costa da Morte e, especialmente, lugares como o Esteiro do Anllóns, son indubidables polos de atracción para os aficionados. Comprender este fenómeno axudará a optimizar o proveito que pode ter para o desenvolvemento local, especialmente a día de hoxe no que o panorama da industria turística cambiou tanto coa especialización e o aproveitamento de pequenos nichos de mercado, inéditos ata non hai moito.

Finalmente, o clausura terá lugar o domingo 27 ás 11:30 h coa lectura das Conclusións do Congreso e unha saída ornitolóxica á Enseada da Insua e o esteiro do Anllóns.

Axuntamos programa do VIII Congreso Galego de Ornitoloxía.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios