Os Orzamentos da Xunta inclúen 1 millón de euros para a VAC, pero as obras non comezarán ata 2021

A Autovía sofre de déjà vu cada vez que saen os Orzamentos da Xunta para a comarca. Nestes orzamentos que presentou o PP para 2020, volve aparecer unha partida de 1 millón de euros para VAC (xa non Autovía) ata Berdoias. Unha partida semellante á de 2019, ano no que parece que nada se fixo. O certo é que no proxecto plurianual presentado en 2019, había destinados 2 millóns para este vindeiro 2020, quedando agora en só 1 e mantendo 4 millóns para 2021; 8 para 2022 e 8 para 2023 e seguintes.
En todo caso, segundo o único deputado costeiro no Parlamento, o popular Aurelio Núñez, “o compromiso da Xunta de poñerse ca Autovía é firme, e segue vinculado á poder asumir a obra con fondos propios, e sempre libre de peaxe”. Núñez refírese a que aínda seguimos pagando a obra da Autovía entre Carballo e Baio, unha vez que se fixo, como o Hospital de Vigo, mediante un formato de colaboración público-privada, mediante o cal a empresa pagaba a obra, e a administración vai pagando ”20 tantos millóns a ano” pola construción.
Tramo a tramo
Un millón neste 2020 que parece que servirá para rematar o proxecto (incluíndo no proxecto o enlace co Polígono que deberá pagar o goberno central, como aprobaron no Parlamento todos os grupos), sometelo a exposición pública, para proceder á súa licitación. As obras non comezarían ata 2021.
As obras realizaríanse por tramos, estando comprometido o primeiro ata a estrada de Camariñas. “O desmonte xa está listo, polo que unha vez que se poña en marcha, será unha obra rápida, como acontecera co anterior tramo que tamén tivera problemas coa empresa adxudicataria”, explica Núñez.
Sobre se a infraestrutura chegará algún día ata Cee como se prometera hai 11 anos, Núñez supón que “o futuro irá por aí. Pero continuala ata Cee dependerá dos tráficos e das necesidades que haia. Creo que a Costa da Morte, co tempo, vai estar conectada cunha autovía. Outras zonas de Galicia, como a vía de Cangas, comezaron como Corredores e acabaron desdoblándose”, explica.
Novas da Autovía
- Xuño 2019: A Xunta descarga no Goberno Central a conexión da Autovía co polígono de Vimianzo.
- Novembro 18_ “A este ritmo, o Corredor da Costa da Morte estará completo en 2070”.
- Maio 18: A Autovía Costa da Morte, a segunda menos utilizada de toda Galicia.
- Marzo 17: De Autovía a Corredor: Un novo recorte para a imprescindible infraestrutura da Costa da Morte.
- 09-03-17: O PSdG solicita un acceso directo ao polígono de Vimianzo na prolongación da autovía da Costa da Morte.
- 2016: 13 anos despois, a Costa da Morte terá por fin, media Autovía.