Os emigrantes retornados da Costa da Morte tamén protestaron no Parlamento
”Somos traballadores, non defraudadores”, rezaba claramente algunha das pancartas que na tarde de onte, mércores 23 de abril, alzaron os centos de emigrantes retornados de todo o país diante do Parlamento Galego (dise que pode haber un total de 3.000 afectados en Galicia). Entre eles, medio centenar de emigrantes chegados dende a Costa da Morte, que protestaron pola nova reforma da Axencia Tributaria que lles obriga a realizar o pagamento atrasado de xuros polas pensións que cobran dos seus anos de duro traballo no estranxeiro.
I é que Facenda esixe agora o pagamento atrasado (2008/2012) do imposto sobre a renda correspondente, incrementado con xuros de demora e máis sancións, dos anos traballados no estranxeiro. Unhas taxas que ata o de agora, nunca esixira, o Goberno, pero que en tempos de crise, se lembra delas.
Por iso precisamente os nosos maiores aforradores néganse a recoñecerse como defraudadores, porque se non pagaron foi porque nunca llo pediron.
A protesta chegou xusto cando a Conselleira de Facenda, Elena Muño, tivo que responder ás preguntas da oposición no Parlamento sobre o acordo tomado na Cámara o pasado mes de setembro por unanimidade, que provocaría que a Xunta instase ao Goberno Central a non multase aos emigrantes retornados.
Dende a Asociación de Jubilados Antiguos Costa da Morte aconsellan esperar a facer a Declaración da Renta, alomenos, ata que chegue a devandita multa a casa. Aseguran que coñecen xa 350 casos de familias afectadas na Costa da Morte.
Mentres, e segundo Cadernos as multas medias varían segundo dende onde cheguen, e se a Xunta sinala que a sanción media imposta aos emigrantes retornados que perciben unha pensión do estranxeiro é de 274€, os afectados sinalan que realmente é de 600.
Posibles solucións
Agora, e sempre coa vontade de colaborar, os afectados solicitan, antes de nada, unha campaña de información, porque nestes asuntos o que sempre falta é claridade e información. Propoñen ademais que se regularice ese período, eliminando, sobre todo, os recargos e intereses de demora.
Piden tamén unha revisión dos convenio marco con outros Países, e unha modificación lexislativa que fixe un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados.
Os nosos maiores, en loita
Os afectados, xa en loita dende o pasado mes de outubro, cando se coñecía a idea do goberno central, non decaen nas súas protestas, moi semellantes ás que seguen a desenvolver dende hai xa dous anos os afectados polas Preferentes, dun perfil bastante semellante.
E destes non dirán que son violentos, pero a realidade é que tampouco se lles fai o caso que se debería.
Novas relacionadas
- 17-02-14: Emigrantes retornados saen de novo á rúa defendendo os seus aforros.
- 29-10-14: Os emigrantes retornados tamén se manifestan nas rúas de Cee.
- Cee analizou o drama das pensións.
- A cidadanía toma as rúas da Costa da Morte en clave de protesta.
- De oficina en oficina berrando polos meus aforros.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).