Sábado. 27.07.2024
El tiempo

Tres Premios Martín Códax da Música voan para a Costa da Morte

Terbutalina Antia Ameixeiras e Hydn Premios Martin Codax da Musica 2024
Terbutalina (á esquerda), Antía Ameixeiras (no centro) e Hydn (á dereita) recollendo os seus Premios Martin Códax da Musica 2024
Tres Premios Martín Códax da Música voan para a Costa da Morte

Esta pasada noite celebrouse en Pontevedra a gala de entrega dos Premios Martín Códas da Música. Eran varias as propostas costeiras escollidas pola Asociación Músicas ao Vivo entre os 57 proxectos finalistas que optaban ás 19 categorías dos premios coñecidos como os Grammy galegos.

Este ano estreaban sistema de votación no que o público foi clave, e a participación foi máxima. E son moi boas novas para a Costa da Morte, con varios premios de renome.

A banda muradá Terbutalina leva o premio na categoría “Rock e Punk”, por diante de Mad Martin Trio e Moloch. Os muradáns xa son unha referencia en todo o estado, e querían levar este premio á mellor banda galega do son máis garaxeiro.

A Costa da Morte tamén é potencia en materia Folk. Caamaño & Ameixeiras, o dúo formado pola baiesa/laxense Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño (Oza dos Ríos), superaron proxectos tan impactantes como o de De Ninghures (banda compostelá que conta co carballés Hadrián García, e a gran Susana Seivane. Aí é nada.

Vimos de descubrir fai pouco ademais que Hydn, a nova diva da música urbana galega, ten raíces de Cee ademais de vivir na Coruña, polo que tamén nos alegramos por ese premio ás Músicas Urbanas que conseguíu por diante do seu compañeiro no selo Aaldea, C Mirazo, rapeiro dunha aldea de Brión.

Dous finalistas máis

Quedaron ás portas dos premios a banda que máis medro no último ano. The Rapants, a auténtica revolución da música galega contemporánea, quedou por detrás de Lucía Aldao na categoría POP.

Tampouco volveu con premio para Zas, a nosa Antía Muíño, pero é que a gañadora á Canción de Autor foi unha tal Guadi Galego.

Tendes todos os premios xa no twitter @prmartincodax.

Máis novas

Comentarios