Os percebeiros piden incluír a palabra “percebeiro-a” no Diccionario da RAG e da RAE
- Última hora: A RAG acepta o pedimento de incluír "percebeiro" no seu dicionario.
Non. “Percebeiro-a” non aparece no dicionario da Real Academia Galega, nin no Portal das Palabras. Nin tampouco diccionario da Real Academia Española.
Foi unha mestra de Muxía a que lle trasladou esa inquedanza aos percebeiros de Muxía, dos máis activos nos últimos meses, liderando a candidatura da súa profesión como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO. E xa metidos en bregas, non dubidaron en poñerse mans á obra para solventar esta carencia.
A través do Concello puxéronse en contacto co presidente da RAG, que lle trasladou que fixeran a petición oficial para que o dicionario recoñeza o nome da profesión, como tamén acontece con zapateiro e outras moitas.
E a resposta non se fixo esperar, e a RAG xa vén de responder positivamente ao pedimento. En realidade a incorporación de "percebeiro" no Dicionario foi en realidade abordada no Seminario de Lexicografía con anterioridade á proposta da Asociación Percebe da Barca, dentro dos traballos de revisión e actualización continua que se fai do repertorio, que inclúe decote completar familias léxicas. O Seminario de Lexicografía agradece en todo caso o interese do sector pola inclusión desta voz.
A Comisión de Lexicografía da RAG xa aprobou incorporar a entrada "percebeiro -a" no dicionario, xa que logo nas próximas actualizacións aparecerá como entrada. Somos sabedores das dificultades e o valor das persoas que traballan neste oficio e agradecemos a proposta.
— Real Academia Galega (@AcademiaGalega) January 10, 2023
Dirección á RAE
Non van quedar aí, e tamén van solicitar á Real Academia Española a inclusión da mesma palabra, en galego. “Se aceptaron community manager terán que aceptar percebeiro por diante de percebero”, sinalan os profesionais do mar.
O grupo de mariscadores continúan tamén a loita pola candidatura, ao tempo que preparan o seu asalto ao Madrid Fusión. Están preparando un escrito para que todos os rexedor@s de Caión a Fisterra envíen á Consellería de Pesca para solicitar unha reunión e ir blindando os pasos necesarios para chegar a Europa.
Novas relacionadas
- Decembro 22: Os Percebeiros da Costa da Morte preparan a súa candidatura como Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
- Setembro 22: BeirAtlántica: O Percebe da Barca tamén ten a súa ruta.
- Xullo 22: O Percebe do Roncudo cumpliu 30 anos cunha festa integral.
- Xullo 22: O Tesouro Atlántico do #PercebeDaBarca xa ten un envase á súa altura.