Piden a demolición das centrais hidróeléctricas que teñen as concesións caducadas
No “país dos mil ríos”, a presencia de centos de minicentrais hidroeléctricas non deixa de ser un asunto de vita relevancia. Para moit@s colectivos medioambientais, “non hai central hidroeléctrica boa”, por consideralas feridas incurables nas arterias da nosa terra. Pola contra, para parte do elenco político, a xeración de enerxías renovables é sempre positiva.
A sobreexplotación dos recursos naturais parece que é política nacional no noso país. Así o refrenda a polémica social xurdida arredor do novo impulso eólico da Xunta de Galicia dende a pandemia. E así o levamos sufrindo durante décadas nas que os nosos ríos foron sendo mutilados por encoros, saltos e minicentrais, como acontece coas 6 centrais de Xeal en apenas 10 km do río Xallas.
Con este marco, a Asociación Ríos Con Vida, a mesma que conseguíu liberar a Fervenza do Ézaro hai só 11 anos, vén de rescatar un informe de Augas de Galicia para o Consello Reitor sobre a extinción de concesións hidroeléctricas en Galicia.
Nese informe hai máis de medio centenar de concesións de centrais hidroeléctricas caducadas, para as que a entidade só hai unha saída: “a demolición”. Na Costa da Morte son varias as directamente afectadas:
- CH de Anllóns (Ponteceso) no río Anllóns, concesión extinguida o pasado 2021, por “remate do prazo concesional”, con Naturgy Wind, SL como titular do dereito extinguido.
- CH de Anllóns (Ponteceso), no río Férveda, extinguida en 2011 por “Caducidade: interrupción permanente da explotación por causa imputable ao titular durante máis de tres anos consecutivo”, con Unión Fenosa como titular do dereito extinguido.
- CH de Pedrera (entre Dumbría e Muxía), no Rio Castro, extinguida en 2002, con Sabino Ribeiro Miñones como titular do dereito extinguido.
- AH de Senande (entre Dumbría e Muxía), nos Río Castro e Alvarellos, extinguida en 2019, por “Caducidade (incumprimento do condicionado concesional e incompatibilidade coa normativa da PH)”, a nome de Hidroeléctrica Costa da Morte S.L.
Tras ser preguntada por entidades como Ríos con Vida, Augas de Galicia indica que “a extinción das concesións hidroeléctricas é unha cuestión complexa, que se está desenvolvendo na Administración hidráulica de Galicia, e que esixe unha análise en profundidade e caso a caso”. Esta posición ambigua, esta “falta de concreción de augas de Galicia” faille pensar ás entidades medioambientais que “será necesaria unha acción sostida de vixilancia e denuncia destas infraestructuras caducadas que, en moitos casos, ademais da alteración ambiental que supoñen presentan estados de conservación precarios e poden ser xeradores de riscos en caso de accidente”.