venres. 08.11.2024
El tiempo

Preocupación no mar ante novos controis da potencia dos motores e o cambio nas axudas ao gasoil

Barcos en Muros-Foro-Manuel Candamo
Embarcacións faenando no mar en Muros-Foro-Manuel Candamo
Preocupación no mar ante novos controis da potencia dos motores e o cambio nas axudas ao gasoil

Temos complicados estes, unha vez máis, no sector da pesca. Comeza o 2023 e a eliminación das axudas directas ao gasoil é unha das preocupacións que rondan as cabezas duns mariñeiros que teñen que quedar en terra moitas xornadas polo mal tempo. Pero ademais, os patróns están moi preocupados (falan da palabra medo) coa publicación no BOE do Real Decreto 1033/22 do 27 de decembro dunha nova norma da ordenación pesqueira e que afecta á potencia dos motores das embarcacións.

Lembran ademais que levan anos de gran inquedanza ante os novos requisitos que a Unión Europea viña esixindo no novo Regulamento Europeo de Control e que mobilizou a todo un sector que se sentiu criminalizado.

E dende o mar aproveitan para criticar que estamos ante outro caso provocado pola deixadez das administracións durante os últimos 40 anos, permitindo facer a trampa ata que a situación practicamente é inssotible.

A potencia dos motores

Días de conversas telefónicas no sector. A probación no Consello de Ministros da nova ordenación xa provocou que a Garda Civil xa comezase coas inspeccións por todo o litoral galego, se ben Decreto entrará en vigor a partir do 31 de marzo de 2023.

A ordenación deixa claro que “se prohibe pescar cun pesqueiro equipado cun motor cuxa potencia supere a establecida na licenza”. É dicir, que ningunha embarcación poderá superar os cabalos de potencia que teña declarado. Unha situación que deixa en situación irregular á meirande parte da flota, segundo fontes do sector, “a máis do 90% das embarcacións”, sobre todo os máis grandes, os arrastreros, que adoitan ata duplicar a potencia declarada para poder traballar en condicións adversas.

Dende a pesca artesanal queren facer unha diferenciación, en función do sentido que ten a potencia do motor, pois o sector máis pequeno (a pesca de baixura traballa a ralentí e por exemplo, os mariscadores de pedra como percebeiros só usan a lancha para ir ás pedras de difícil acceso) usan o motor como mero transporte. Pola contra, un arrastreiro utiliza a potencia como parte intrínseca da pesca.
É por iso que dende a pesca artesanal piden que os controis se centren nas grandes embarcacións.

Axudas ao gasoil

Paralelamente, o remate de 2022 provocou que o sector da pesca quede sen as axudas directas dos 20 céntimos por litro de gasoil. Algo que non acontece no sector gandeiro, que mantén estas axudas, polo dende o mar galego consideran unha “discriminación” e un “agravio comparativo” esta dualidade.

Neste ano, o Consello de Ministros aprobaron esas axudas en función do consumo por unhas axudas directas marcadas en función da eslora e o caladoiro. É dicir, as embarcacións de menos de 10 metros cobrarán unha axuda de 1.100 euros (cando coa axuda dos 20 céntimos, unha embarcación de baixura que consume uns 1.000 litros ao mes, recibiu uns 2.400 euros); mentres que as de máis de 12 metros cobrarán 6.700€. Unha diferencia do 600% sen ter en conta a potencia.

Por outra banda tamén atopamos as pequenas confrarías que non teñen gasolineira e que moitas respostan con garrafas en estacións de terra, sen poder recibir eses 20 céntimos.

En calquera caso, boa parte do sector consideraba máis xusto os 20 céntimos, e dende a pesca de baixura consideran que esta medida “fomenta, con cartos públicos, a competencia desleal”, ao entender que os grandes arrastreiros que traballan lonxe do noso litoral, van comprar combustibles noutros países, máis baratos, e van seguir recibindo as axudas coma se estivesen consumindo gasoil cos prezos españois.

Critican ademais que esta clase de axudas computa como beneficios ao final do curso.

Comentarios