O PSOE esixe ao Goberno galego no parlamento "datas e garantías" para incrementar as prazas de bus en Bergantiños
Levamos décadas denunciando o mal servizo de transporte público da comarca. Unha situación que se agrava ano tras ano, coa redución de cadencias, e a falta de cobertura. Así acontece na comarca de Bergantiños, onde o BNG e o PSOE leva denunciando dende hai meses os problemas de prazas.
Volveu ser o PSOE o que levou o asunto ao Parlamento. Onte a parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou ao conselleiro de Presidencia de incumprir cos seus compromisos de mellorar o transporte público por estrada na comarca de Bergantiños. Iglesias presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que responsabilizou á conselleira das eivas na conexión coa Coruña e Santiago e da situación de abandono da estación de Carballo.
A responsable socialista advertiu que as “fallas estruturais” do transporte público de viaxeiros na comarca “afecta cada día a moitos veciños e veciñas” de Bergantiños que están a ser tratados “como de segunda categoría” polo goberno galego. Cualificou de “intolerable” que os buses da mañá que unen Fisterra e Muxía coa Coruña chegan a Carballo “sen pazas, deixando persoas tiradas” en función do seu destino final, cunha práctica “discriminatoria, arbitraria e sen base legal”.
Iglesias acusou ao responsable de facer “promesas que logo non atenden”, e lembrou o seu compromiso de incrementar a capacidade do bus das oito da mañá dende Carballo a partir do pasado 6 de outubro, pero a piques de comezar febreiro “a situación non mellorou”. Ademais, a liña que une Carballo con Santiago “leva anos perdendo frecuencias”, con horarios que mudan de forma arbitraria “sen previo aviso e sen criterio”.
A parlamentaria socialista dixo que a comarca está “farta de chapuzas, farta de improvisacións e farta de sentirse tratada como un territorio de segunda”, como resume a situación da estación “pantasma” de Carballo, que permanece, “abandonada, sen oficina, sen información e dando medo á noite”.
Criticou que a única alternativa do goberno galego para estes viaxeiros sexa a autovía da Costa da Morte, cunhas peaxes abusivas que teñen que pagar os usuarios porque goberno galego se nega a aplicar as mesmas bonificacións do 75 por cento que apica o Estado na AP-9 e a autopista Santiago – Dozón.




