Martes. 19.03.2024
El tiempo

A reflexión dun autónom@ soneirán sobre os peches perimetrais no rural

A Piroga esta en Baio pero no Concello de Vimianzo
A Piroga é un lugar que linda con Baio, do Concello de Zas, pero que pertence ao de Vimianzo que leva pechado perimetralmente dende o pasado mes de novembro
A reflexión dun autónom@ soneirán sobre os peches perimetrais no rural

Un socio da Asociación de Empresarios Comarca de Soneira vén de enviarnos un interesante escrito. “Nunca escoitaramos este tipo de reflexión por parte de ningún político, nin da Xunta, nin da oposición, nin dos concellos, e creo que se debería de valorar”, explican dende a entidade, co ánimo de facernos reflexionar coa mesma.

Creo que é hora de valorar os peches perimetrais no rural

Realmente resúltame estraño que ninguén dos nosos concellos bote as mans á cabeza cada vez que abre ou pecha un concello afincado no rural.

Realmente funcionan? son a medida por excelencia para combater o Covid? Ou son medidas das cidades que perden o sentido cando se levan ao rural? Porque realmente creo que a algún político da cidade, que son os que toman as decisións, deberían vir vivir unhas semaniñas ao rural para darse conta da nosa realidade.

Na Coruña ou mesmo collamos núcleos de máis de 10.000 habitantes, soen ter todos os servizos dentro da súa zona perimetrada. Pero en núcleos máis pequenos, a realidade non é esa.

Collamos por exemplo a Cabana de Bergantiños: se tes un banco que non sea de Abanca, tes que saír do Concello. Se necesitas facer unha compra grande, tes que saír do Concello. Si necesitas facer algunha xestion, outro tanto do mesmo. Pensemos, que a xente de Cabana, dependendo onde viva (si en Neaño ou en Anos), fai moita vida no Concello de Ponteceso ou no Concello de Zas.

E nesta caso dinche, que por cousas de primeira necesidade (tamén toca pensar que é primeira necesidade e que non), podes atravesar a fronteira. Vale, pois agora tocará explicarlle ao Policía que toque porque estás saíndo do concello e como xustificas que vas a mercar, oa notario, e un longo etc.

Collamos outros dou concellos, o de Zas e o de Vimianzo. Neste caso particular, imos a centrarnos en Baio (Zas) e a Piroja (Vimianzo). De sempre, na vila, se considerou a Piroja parte indiscutible de Baio, tanto é asi, que moitos dos comercios da Piroja teñen na dirección “A Piroja, Baio"). Estes 2 núcleos están separados por unha ponte, metade é do Concello de Zas e a outra metade, do Concello de Vimianzo. Pois, cos peches perimetrais non se pode atravesar esa ponte. Os de Baio, non poden ir, por exemplo, a lavandería, o Eroski ou a mercar o pan a panadería Manolo. E os da Piroga, non poden vir á farmacia, ao Gadis, ou á panadería Caión.

Resulta que agora os de Baio, si son máis de mercar no Eroski, teñen que ir ata Ponteceso (a 10km) e os da Piroja teñen que ir a Vimianzo (8km). O que moitos antes facían a pé, agora teñen que coller o coche para poder ir mercar.

Esta realidade, é así en moitos concellos do rural. No rural pechan concellos de 4.000 e poucos habitantes, pechan a hostalaría, aforos reducidos nos comercios e un longo etc, perxudicando tanto os veciños como a todos os que rexentan algún establecemento que depende non só dos veciños do concello, senón de varios concellos da contorna.

E con todo isto, aínda veremos publicidades pagadas pola Xunta para que merques no comercio local, que xa me parece de risa, unha burla máis ben. O que están a conseguir é que a xente, debido os peches perimetrais, en vez de ir mercarlle os zapatiños para o neno ao comercio de proximidade, pois que os merque online. Moitos dos nosos comercios están intentando adaptarse a estes peches, ofrecendo moitos deles, entregas a domicilio sin custe a maiores (sin ter en conta o custe que supón para esa tenda e as horas que fai a maiores), pero están intentando conservar ao seu cliente e poder seguir gañando para pagar tódolos gastos.

Xa non falemos da hostalaría, o sector máis prexudicado. Un día estás aberto e o outro día pechado, so podes servir en terrazas (que digan iso en Galiza, paréceme unha broma de mal gusto). Xa o hostaleiro mercou toda a mercancía para dar servizo de comidas e bebidas e resulta que mañán ten que pechar. Que fai con todo a mercancía que ten? Despois algúns énchense a boca nomeando as axudas que lles dan, que non lles chegan nin para o dedo mainiño do pé. De risa.

Pero o mellor vén agora, as grandes superficies na Coruña. Collamos o Marineda neste caso, que ten 500.000 metros cadrados construídos, e falan que o aforo ten que ser do 30% (bueno, que me digan quen controla os aforos primeiro). Entón, poste a pensar e no meu caso, busco en internet como se calcula o aforo: resulta que por cada persoa hai que calcular 4 metros cadrados de superficie útil. Pois poñamos por exemplo que o Marineda ten 200.000 metros cadrados de superficie útil (ten moitos máis pero vamos a tirar polo baixo), pois nese centro comercial poden estar con toda a legalidade, 50.000 persoas. É dicir, que podería haber a suma de 10 concellos de 5000 habitantes. E neste caso non hai problema, pero si que pechamos un concello de menos de 5000 habitantes. Entenderedes por que me custa razoar certas decisións.

Creo que se teñen que tomar decisións importantes, hai que pararlle os pés ao bicho. Están cheos de saber, que a responsabilidade individual non existe. Pero que me expliquen estás decisións. Ao político, o rural pouco lle importa, a efectos de votos, son moitos menos que nas cidades e contamos menos.

Xa antes de isto, vimos como nos recortaban en sanidade: falta de médicos e pediatras. Sempre escoitaremos na hora das eleccións da importancia do rural, do comercio local, dos autónomos, en conclusión, de tódolos pequenos. Si, eses que tanto nomean cando queren pero que non lles importamos nada en absoluto.

  • Firmado: Unha persoa autónoma, veciña, que lle encanto o rural, pero que está moi cabreada.

Comentarios