Rita Míguez (Anmupesca): "Temos que mecanizar o mar"
Este sábado 23 de marzo, a Casa da Cultura de Corcubión acolle unhas máis que interesantes Xornadas sobre Sostibilidade do Mar e o Monte. Xa temos falado cunha das ponentes Rosa Arcos, presidenta de FADEMUR e con Monte Veciñal de Carballo: José Manuel Iglesias, membro da Comunidade de Monte Veciñal de Carballo de Friol. Hoxe viramos a estribor, fixámonos no mar, con Rita Míguez, Presidenta da Asociación de Mulleres de Pesca ANMUPESCA.
Unha entidade sen ánimo de lucro que une a día de hoxe entidades de toda a península, sendo Galicia e a Costa da Morte as zonas máis involucradas. Forman parte da asociación, ademais activamente, a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, a Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica, a Asociación de Mariscadoras do Río Anllóns, e a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia.
- QPC: Que representa ANMUPESCA e cales son os seus obxetivos?
ANMUPESCA é unha entidades en ánimo de lucro que suma 30 asociacións de distintas profesionais do sector: mariscadoras, redeiras, comercializadoras e armadoras. En total somos xa 15.000 socias e socios repartidos por seis Comunidades Autónomas (Galicia, Asturias, Cantabria, Comunidade Valenciana,, Andalucía e Madrid) e o que pretendemos é visibilizar o traballo da muller no sector da pesca e loitar por mellorar a súa situación socio laboral.
- QPC: Cales son as reivindicacións actuais de ANMUPESCA?
Na actualidade, estamos moi centradas na solicitude da revisión dos coeficientes redutores e a súa consecución para o colectivo de redeiras, xa que é o único do sector da pesca que aínda non o teñen recoñecido cando traballan nunhas condicións durísimas. Tamén estamos traballando no recoñecemento de varias enfermidades que nos son catalogadas como común pero que claramente se derivan dos nosos traballos. E todo isto tentando visibilizar o noso traballo.
- QPC: Que funcións desenvolve a muller no sector da pesca?
A muller está en toda a cadea de produción do sector da pesca e incluso antes porque somos as que reparamos e confeccionamos as redes que logo os barcos levan a faenar e coas que se captura o peixe. Somos tamén mariscadoras, recollemos o produto e tratámolo en fábricas, transportámolo e vendémolo nas lonxas e mercados e aínda máis, somos as que decidimos os menús das nosas familias. Estamos en todo o proceso.
- QPC: Como ves futuro da muller no sector?
Pois sinceramente, moi prometedor. Creo que estamos dando pasos moi firmes e que contribuirán a mellorar o sector en xeral, porque iso é o que nos move. Somos conscientes de que somos parte e axentes fundamentais para seguir xerando confianza e rendibilidade no noso ámbito.
- QPC: Desde cada a vosa experiencia, cales considerades que son os retos máis urxentes para a sostenibilidade do mar en Galicia?
Creo que o máis inmediato é que a sociedade actual chegue ao entendemento de que é preciso un equilibrio entre o modo de vida que leva e o benestar xerado e o respecto polo medio natural que será o escenario de futuras xeracións. Creo que todos temos que ser conscientes de que a nosa responsabilidade pasa por legar aos que veñan un medio natural que os poda seguir surtindo de alimentos, paisaxe e outros recursos da natureza, iso sen perder de vista a nosa calidade de vida.
- QPC: Que problemáticas ou asuntos concretos cres que se debes visibilizar máis nos vosos sectores de cara a lograr unha conciencia colectiva social máis rica?
Desde o ámbito da pesca xa nos demos conta hai tempo de que a supervivencia das especies e a rendibilidade do sector pasan por seguir mantendo as cotas de captura pero a isto engádese agora a salubridade das augas mariñas, que son un contedor de residuos e sobre todo de plásticos que tanto dano están facendo ao medio mariño. Creo que este é un problema de todos e pouco a poucos estámonos concienciando de que temos que reducir a xeración de estes residuos, pero tamén nos preocupan outros efectos coma o quecemento das augas e o seu impacto nas especies das nosas costas.
- QPC: Cales son as ausencias administrativas máis acuciantes respecto da cobertura e apoio cara aos vosos ámbitos de traballo? E cales considerades que puidesen ser unha boa batería de iniciativas positivas de apoio?
Desde a nosa perspectiva, cremos que temos que mecanizar o mar, temos que innovar para implantar ferramentas que axuden ás mulleres e homes da pesca nas súas tarefas diarias e que as fagan máis doadas. Faltan estudos sobre indumentarias de traballo para mariscadoras e redeiras, faltan tamén proxectos sobre instrumentos de traballo máis lixeiros, falta recoñecemento ás nosas enfermidades e falta sobre todo acabar de profesionalizar as nosas profesións, con coberturas sociais axeitadas e remuneracións acordes ao traballo realizado.
- QPC: Considerades que ante o estado de degradación xeneralizada do planeta e dos seus recursos hai un aumento de sensibilización social respecto diso ou unha aposta social e política por iniciativas que integren propostas máis sostenibles co planeta, igualitarias en canto á perspectiva de xénero, ou que incorporen máis e distintas sensibilidades cara ao coidado?
Creo que nos últimos anos se ten avanzado nesta dirección pero hai moito camiño por facer. Non ten sentido que se aproben grandes liñas estratéxicas a nivel internacional de respecto polo planeta cando logo, os países máis desenvolvidos, non están dispostos a cumprilas. Ante isto, cremos que os exemplos individuais e a suma destes vai ir concienciando de que o futuro pasa polo respecto e coidado do noso medio natural.
- QPC: Que lles dirían aos mozos que nun futuro teñan ou desexen desenvolver proxectos de vida e traballo no rural galego?
Que sexan respectuosos co medio rural, que non intenten modifícalo e que lle saiban sacar partido ás súas vantaxes e rendibilidade ás súas eivas.
Novas relacionadas
- Monte Veciñal de Carballo: "É necesario recuperar espazos que lle son propios ás frondosas autóctonas e ao agro”.
- Rosa Arcos: “O empredemento feminino está sendo un dos motores da revitalización o rural galego”.
- Corcubión prepara as potentes Xornadas sobre o Mar e o Monte.
- Os percebeiros de Muxía estréanse no cine da Xunqueira e nas Xornadas de Corcubión