Mércores. 20.11.2019
El tiempo

Rosa, redeira e artesá: "Non podemos traballar aos 65 anos collendo pezas que pesan ata 50 quilos”

Redeiras de Corme na Feira de Artesania do Festiletras
Redeiras de Corme na Feira de Artesania do Festiletras
Rosa, redeira e artesá: "Non podemos traballar aos 65 anos collendo pezas que pesan ata 50 quilos”

Levántaste pola mañá cedo. Ás nove chegas ao peirao, inicia a xornada laboral. Comezas a montar e reparar artes de pesca, algunhas veñen molladas, outras pesan ata 50 quilos.... Así durante oito horas ao día faga sol, chuvia ou vente. Este é o día a día dunha redeira, unha profesión que sen dúbida, non é para calquera. Pois agora imaxina que despois dun día así, seguises traballando aínda máis incluso ata a madrugada. Esta é a realidade de Rosa e María Jesús, dúas redeiras da Asociación Redeiras Illa da Estrela de Corme, que dende hai uns anos veñen realizando produtos de moda artesáns dándolle unha segunda vida a eses aparellos que tiraban.

Segundo explica Rosa, a idea de crear produtos de moda artesanais xurdiu como consecuencia dun momento de crise na súa profesión. “No 2012 quedamos sen traballo ningún de artes de pesca e pedimos axuda á Xunta. Diréronnos que podían sacar uns cursos para ver se había saída con iso, con tan boa idea que foi un éxito para nós”, comenta a redeira. Así é como Rosa e María Jesús comezaron a elaborar estes produtos pero sempre fora do seu horario laboral, polo que moitas veces se teñen algún encargo, dedícanse a realizalo despois da súa xornada, chegando a rematar moitas veces sobre as 2 ou 3 da madrugada.

Crecendo na profesión

Dende os seu comezos, ambas as dúas non deixaron de crecer como artesás. “Nós tiñámoslle moito medo porque era unha cousas que non se vía daquela”, confesa Rosa, “levamos unha alegría moi grande co éxito que teñen”. Tal foi o seu éxito que ata chegaron a traballar para a marca de luxo Loewe realizando chaveiros de coiro.

“Viñeron á nosa caseta, miraron o que nós facíamos e dixéronnos que lles interesaba moito a técnica que nós facíamos e se lle poderíamos facer algo semellante con coiro”, afirma a redeira, que non podía crelo cando lles ofreceron a proposta. Rosa admite que traballar o coiro coa mesma técnica que elas utilizan coas redes é complicado, pois “non suxeita o suficiente coma os fíos”, mais apesares desta dificultade engadida, están contentas co resultado.

 

Esta foi unha boa saída para elas, tanto económica como profesional, pois “fomos nomeadas en moitos sitios e iso danos unha gran saída”, comenta Rosa. Á marxe disto, a parte dunhas bolsas que realizaron para Pescanova para un sorteo, non traballaron para ningunha outra marca máis. O que si teñen realizado son varias colaboracións con deseñadores, “saen das escolas e chámannos moito para ver se podemos colaborar con eles”, afirma Rosa.

A vida artesá

Por outro lado, esta nova profesión levoulles a descubrir novos ‘mundos’ como é o mundo das feiras. Estas dúas redeiras de Corme recorren durante o verán a xeografía galega de feira en feira artesá, chegando incluso a lugares fora de Galicia. “Tamén imos aos pobos nas feiras mariñeiras”, explica Rosa.

Con todas as colaboracións, as feiras ás que se presentan... isto leva a preguntarse: o oficio artesán dá realmente para vivir? A resposta de Rosa non pode ser máis galega: “si e non”. “Se lle dedicas o cen por cen e saes a todas as partes coma calquera artesán, si que se pode vivir. Nós o temos coma un complemento”, explica a redeira. E como complemento seguirá para elas segundo comenta Rosa, sempre que poidan seguir co seu traballo como redeiras. “Se non temos traballo do noso, si teremos que plantexar adicarnos só á artesanía”, afirma a artesá.

O oficio de redeira: un futuro negro

Aínda así, o oficio de redeira está a perigar. Tal e como explica Rosa, levan pelexando dende hai tempo para conseguir que se lle recoñezan as enfermidades profesionais. “Non conciben que este é un oficio e temos enfermidades profesionais que nolas poñen en comúns”, declara a redeira. O lixo e os materiais en descomposición que traen as redes provocan infeccións oculares ou alerxias ademais da exposición continua do sol, que provoca a aparición de enfermidades da pel, entre outras doenzas.

Tamén, outra das súas loitas vai encamiñada en conseguir coeficientes redutores para unha xubilación máis temperá. “Somos persoas maiores que xa pasamos dos 50 anos e que non podemos traballar aos 65 anos collendo pezas que pesan ata 50 quilos”, manifesta a redeira. A esto súmaselle a crenza de que o oficio de redeira é familiar polo que non teñen relevo. “Estamos mandando escritos e facendo cousas para que vexan como é o oficio, non sei como podemos explicar de que collan isto como unha profesión”, denuncia Rosa. Un futuro para as redeiras que, de seguir a así, albíscase moi negro.

Comentarios