Propoñen incluír a Devesa de Anllares, a Ruña e o esteiro de Caldebarcos no proxecto Parque Natural Monte Pindo

O pasado 25 de xullo, xente da Plataforma "Salvemos a Ruña" mais da Plataforma "Vendaval Costa da Morte", xuntouse na capital galega para celebrar o Día da Patria. Ao tempo, retomaron a reivindicación da defensa da Ruña contra o proxecto especulativo que ameaza a súa saúde natural. O berro máis repetido foi: “Altri non e Ruña, tampouco!!!”
Sabedores de que está a piques de ver a luz o proxecto, xuntan de novo enerxías para defender este enclave natural con "ruñas" e dentes!!!
Ampliación do Monte Pindo Parque Natural
Por outra banda, a Asociación Monte Pindo Parque Natural ten en mente a idea de incluír a Devesa de Anllares, a Runha mais o esteiro de Caldebarcos no mesmo Parque Natural, porque estamos a falar dunha zona que resulta indivisible. “Non se pode dividir o paraíso”, entenden.
Lembran ademais que “a Ruña é un antigo glaciar que se conserva como un paraíso detrás do cume da Moa, e onde están presentes todos os compoñentes necesarios nunha pirámide trófica perfectamente equilibrada de maneira natural. Un espazo que ninguén ten dereito a violar e somos moitos e moitas as que non imos permitir que se viole un dos poucos espazos onde o ser humano aínda non envorcou a súa miseria”.
Subida
Ademais de todo isto, dende a Plataforma "Vendaval Costa da Morte" comunican tamén que o domingo 4 de agosto, ás 12:00 h, organizarán unha subida á Ruña para facer unha foto dos e das compoñentes da plataforma co val da Ruña de fondo.