Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Salvacadelos, un exemplo da concienciación sobre o abandono dos animais presente na Muiñada

Silvia Souto Veterinaria de-Argos e Salvacadelos
A Veterinaria da Clínica Argos, e coidadora de Salvacadelos, Silvia Souto, con Nora e Sira, dúas das súas amigas adoptadas de Salvacadelos
Salvacadelos, un exemplo da concienciación sobre o abandono dos animais presente na Muiñada

A Muiñada son moitas cousas. Non só de música tradicional vai a cousa, se non tamén de concienciación. Porque a recuperación dos valores tradicionais é concienciar do noso patrimonio Pero o noso patrimonio tamén é o respecto animal. Nesa liña, a organizadora Asociación Xuvenil Cherinkas, da man da comprometida “adoptadora” Vicky Ulloa, quere deixar un espazo para concienciar sobre o abandono dos animais, e para iso invitaron a dous proxectos, perfectamente compatibles, que teñen cambiado o mapa do abandono da Costa da Morte.

De XEA (Xestión Ética do Abandono), xa temos falado. Máis aínda témolo feito do noso proxecto Salvacadelos, creado dende o seo de QPC hai xa 12 anos, da man da comprometida Clínica Veterinaria Argos. Un proxecto, reconvertido en comunidade que pode ter creado xa máis de medio millar de familias dende o seu nacemento.

Son case 5.000 as persoas que forman parte da comunidade creada a través da páxina de Facebook “Salvacadelos”, que conta co apoio de Prodemar, Stolt Sea Farm, e que comparte e expande cada animal en situación precaria, para atoparlle unha casiña.

A aparición de XEA, un cambio na realidade

Moito cambiou a situación dende aquel 2007 nos que “aparecían aquelas caixas de cachorros” ás portas da clínica. “Eran para chorar”, recoñece Silvia Souto, veterinaria de Argos e “coidadora” de Salvacadelos, a intermediaria que pon en contacto familias con animais. “Agora non pasa, por sorte, pode ser porque a xente se concienciou máis co tema da castración, e non vemos tantas camadas coma antes”, explica. Tamén certifica a menor incidencia dos cans que aparecen nos fins do Camiño…

Agora, dende a aparición da empresa XEA (Xestión Ética do Abandono) na comarca, as cousas fanse polo libro. Non en todos os lados, pero cada vez en máis, os Concellos fanse cargo a través dun convenio coa entidade para a recollida, o coidado e a recolocación de animais abandonados.

Deste xeito, “a Comunidade Salvalcadelos funciona mellor movendo cans adultos, por xentes que non se poden facer máis cargo deles, e queren buscarlle outro fogar. E sobre todo con desaparicións. É incrible o rápido que funciona a rede, cando algunha persoa se pon en contacto para denunciar que perdeu un can. Cando publico e vexo números de compartidos en apenas minutos, alucino”, explica Silvia, que entende que ten tanta incidencia por ser a iniciativa pioneira en toda a comarca, unha vez que agora hai redes semellantes en zonas como Ponteceso, Carballo, Negreira… “Cando naceu Salvacadelos non había ningunha cousa parecida, e ademais o altofaltante de QPC abre moitas portas”, explica a veterinaria.

Historias bonitas

Silvia recoñece que pasan cousas estranas na bisbarra, como a cantidade inxente de cans que aparecen nas estradas de Vimianzo… Será porque Vimianzo ten canceira…

Pero quédase con esas historias bonitas. “Segue habendo xente boa no mundo, que atopa animais feridos, os trae á Clínica para curalos, fanse cargo dos gastos, e os acolle ata que se lle atopa un novo fogar. É moi gratificante vivir esta clase de accións”, conta orgullosa.

 

Novas relacionadas

CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN DE ARGOS E SALVACADELOS

Comentarios