Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Sardiña “embaixada” percorreu os mares polo San Xoán Universal

As Sardina Embaixada polo San Xoan
O cartaz interactivo da Sardiña "Embaixada" pode imprimirse para facer as actividades
A Sardiña “embaixada” percorreu os mares polo San Xoán Universal

Fermosísimo o proxecto desenvolvido pola nosa Alejandra Plaza e Xosé Lois, Lucio, polo San Xoán, no marco do proxecto embaixada.gal, esa plataforma informativa e participativa formada por galegos do mundo, que pretende servir de punto de apoio, de axuda, de compaña… cun punto de morriña e coa necesidade de espallar a cultura galega nos países de acollida.

Plaza quixo levar polo mundo a nosa tradicional festa de San Xoán, e conseguiuno cunha Sardiñada virtual, un cartaz interactivo e unha canción formada por 12 estrofas chegadas de todas as latitudes.

Un cartaz interactivo da Sardiña “Embaixada”

O primeiro proxecto está protagonizado pola Sardiña “embaixada”, que despois de estar confinada, botouse ao mar na procura de amigas para celebrar o San Xoán en familia. “Foi todo un éxito, empezamos a enviar a sardiña polo mundo, ía en branco, e xentes de todo planeta devolveuna cheas de vida, de cores, e de mensaxes (ecolóxicos, sobre o racismo, o terrorismo, sobre o Xacobeo…” explica Plaza.

Foi e volveu de Francia, Italia, Suiza, Finlandia, Holanda, Bélxica, Alemaña, Xapón, Arxentina, Reino Unido, Bosnia e Perú. E tamén por España, (Galicia, País Vasco, Cataluña, Ibiza, Granada, Canarias, Córdoba, Comunidade Valenciana, Madrid… Entre eles a rapazada do CRA Nosa Señora do Faro (cos nenos de Ponteceso, Malpica, Cabana, Mens, Barizo, Xornes, Tella, Cámara, Pazos, Brantuas… pero traspapeláronse as sardiñas enviadas polas criaturas de  Tallo, polo que dende Embaixada.gal piden desculpas aos Erika, Xiada, Artai, Sara, Alexia, Alex e Alex). E non faltaron outras personalidades costeiras como o gaiteiro David Castiñeiras, o fotógrafo Vito Diéguez, Asociación O Fol…

”Embaixada” surcou os mares do mundo para crear ese singular banco de sardiñas, que forma un cartaz interactivo cheo de actiividades, pois podes imprimilo e contar as sardiñas, buscar a sardiña que enviaron, atopar a sardiña que vai en sentido contrario, ver cantas sardiñas están repetidas, ademais de completar a única sardiña que está en branco para facer o cartel propio.

”Fomos larghando, con gheada, a rede por todas partes e recollela foi duro por todas as que pescamos de volta, e case tivemos empacho de tantas sardiñas que nos chegaron. Quedamos superagradecidos da colaboración inmensa”, sinala moi orgullosa.

A xota dos Farrapos de Cesullas

 

A poesía que vai polo mundo

Dende Vilagarcía, Lucio lanzou a primeira estrofa da sardiña viaxeira, e voltaron unha ducia delas. Quédanos coñecer, terémolo nos vindeiros días, o vídeo musicado por grandes da cultura costeira, pero polo de pronto temos a cantiga feita poesía.

Sardiñada universal. 24-06-2020

Polo mar adiante vai
unha sardiña a nadar,
correndo polo mundo vai
para máis sardiñas xuntar.

Para celebrar
a Festa de San Xoan
nada que nada
para á parrilla chegar.

A súa viaxe non acaba
ata en Galicia atracar.
As sardiñas todas na Festa
teñen que estar.

Para que esta celebración
medre máis
a sardiña polo San Xoan
o pan ten que mollar.

Como océano de auga e sal,
como vento de forma indomable,
sardiña de espíritu universal,
emigrante de corazón infatigable.

A sardiña pro San Xoan
vou papar
e come que come
as espiñas vou deixar.

Pero se moitas
queres papar
un cachiño de broa
lle tes que arrimar.

A sardiña de San Xoan
enchoupa o pan
para as delicias
de Galicia degustar.

Boga, boga sen parar,
non para de loitar
para, ao final de todo,
broa, viño, brasa e a chupar.

A sardiña á brasa é un bo paladar,
con pan de millo
e unha cunca de viño,
difícil de negar.

E na noite de San Xoan
unha Festa van facer.
Todas xuntas van pra grella,
volta e volta! e a comer!

A sardiña está no mar
ven nadando para Neaño,
alí pra praia do Curro
donde eu me estou bañando.

Para os malos espíritus espantar
coas Herbas de San Xoan
te has de lavar
e a fogueira saltar.

E se de unha gran sardiñada
queres disfrutar,
que non falten os amigos
cos que falar,
cantar
e bailar.

Novas relacionadas

Comentarios