venres. 08.11.2024
El tiempo

Os surfeiros rescatadores de Lires: “Volveron nacer tanto o pai como o fillo”

Bruno Carballo  e Alex Lema cos neopreno e os seus rescatados leoneses
Bruno Carballo e Alex Lema, cos seus traxe de neopreno, cos seus rescatados leoneses
Os surfeiros rescatadores de Lires: “Volveron nacer tanto o pai como o fillo”

Esta fin de semana os surfeiros da comarca convertíronse en verdadeiros heroes. En Muros, un surfeiro salvaba a vida dun bañista no Ancoradoiro. Mentres, en Lires, dous surfeiros facían o propio coas vidas dun pai e un fillo, naturais de León.

Bruno Carballo (Berdoias) e Álex Lema (Vimianzo) pasaron máis de 50 minutos na auga, loitando contra unhas correntes que a piques estiveron de estampalos sobre as rochas ou de levalos ao medio do océano, para salvarlle a vida a esta parella de visitantes. “Ostiá, menuda aventura. Do sábado ao domingo non peguei ollo porque te das conta da situación, e valoras que puideches ter quedado ti”, valora o vimiancés, que considera que tanto os surfeiros como a poboación en xeral debería poder ter acceso a algo de formación para saber que facer en situacións de emerxencia no mar, para aprender a facer unha correcta lectura do mar, “porque normalmente non pasa nada, pero é se pasa, que? Tamén nos pode pasar a nós un día que estás só e…”, sinala. “Volveron nacer el e o fillo, aínda que o fillo non foi consciente do perigo que correu”.

Imaxe da perigosa desembocadura do rio Castro na Ria de Lires
Imaxe da perigosa desembocadura do rio Castro na Ría de Lires

Toco acontecía na tarde sabatina. Habituais da zona zona de Nemiña para sacar a táboa, ese sábado, e pesar da resaca da Ascensión, Bruno e Álex arrimábanse á cara de Lires pois Nemiña estaba ateigada de deportistas. Saíron da auga e foron descansar á praia de Lires, ao outro lado da perigosa desembocadura do río Castro.

Xa cando os viron entraron pensaron a cousa se podía complicar porque cando a marea está baixando tira cunha forza brutal cara o mar. “Bruno e mais eu estabamos vendo como os levaba o mar para dentro, así que nese momento, sen pensalo moito, lanzámonos coas táboas a por eles”, explícanos o vimiancés Álex.

”Funme acercando ao máis novo, pregunteille que tal estaba e me dicía que ben, pero pronto lanceille a táboa e fun volvendo cara as rochas a nado, ao seu lado. ”O do fillo non parece tanto, pero medio minuto máis e estaba como o pai. E o do pai foi un rescate con todas as letras”, explica.

Cando Bruno e o fillo chegaron á costa, o rapaz estaba desorientado e mesmo pensaba que o pai xa estaría na area. Pero o seu pai e mais Bruno seguían loitando contra as ondas. Alex uniuse á loita cando viu que non conseguían achegarse, e ademais a corrente batía con forza contras as rochas. “Entre os dous, fixemos como un treneciño, eu diante, o home ca táboa de Bruno no medio, e Bruno detrás, e cando cando crías que remontabas, viña unha correntada e che mandaba de novo ao medio do mar. Estivemos máis de 50 minutos loitando na auga”. No peñón xa había moitos veciños, cando conseguiron darlle a volta ao peñón e subir por fin, a través das rochas, salvando tamén a vida do pai.

Practicamente nese momento chegaban tamén Iago e David, do Saburil, coa súa zodiac mobilizados dende a Policía Local ceense, para axudar no rescate, ademais da Policía Local, Protección Civil e mais a ambulancia, que procedeu a atender a heroes e salvados.

Emocionante foi a chegada da muller, que estaba no Chiringuito de Lires, e non sabía como agracerllo aos socorristas improvisados. Ducias de xestos de agradecementos e invitacións a pasar por León non faltaron. “Unha foto cos anxos da garda” houbo que facer, por suposto. “

Ao rato, chegou o baixón. “Cando parei, e me puxen a falar ca moza, rompín a chorar da emoción. É a típica situación que te botas para salvar un paisano e acabas ti afundido… Cando saes apretas as cachas pensando o que puido ter pasado…” explica emocionado, despois dunha noite na que apenas pegou ollo. “Estivemos falando o domingo e aos dous vénsenos imaxes como se te botaras as rochas…”

En todo caso, cre que é unha acción natural . “Eu penso, ou eso quero pensar, que o faría todo o mundo, porque é un xesto institivo de superviviencia”, apunta.

Para a próxima en Galicia, seguro que caen pulpiño e albariño, pero co mar seguro que teñen máis coidado.

Novas relacionadas

Comentarios