Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Teatro para todos os públicos, este inverno en Vimianzo

Teatro para todos os públicos, este inverno en Vimianzo
'Da avaricia, a Luxuria e a Morte' de Teatro do Noroeste. O Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo acolle una nova programación cultural de inverno que trae ao escenario soneirán compañías de primeiro nivel do panorama teatral galego. Na programación de adultos, abre a programación unha das compañías máis veteranas, Teatro do Noroeste, que pon en escena unha adaptación de tres obras de Valle Inclán, que conflúen en Da avaricia, a Luxuria e a Morte. Outra adaptación, neste caso de Shakespeare trae Ibuprofeno Teatro, con Casa O`Rei, o rei Lear traído aos nosos días, unha compañía xa coñecida no auditorio vimiancés. Outra adaptación, neste caso dunha obra de Méndez Ferrín, chega da man de Pistacatro, en coprodución co CDG, teatro con técnicas circenses para poñer en escena Arnoia, Arnoia. O circo da casa pequena. O 16 de febreiro o Auditorio vestirase de gala coa estrea do último de Producións Teatráis Excéntricas, un espectáculo cómico da man de tres coñecidos contadores: Quico Cadaval, Celso Fdez. Sanmartín e Guti son Tres vellas (polo menos). Logo dun pequeno descanso para gozar do Entroido, volverá a programación de teatro a Vimianzo, cun mes de marzo marcadamente feminino. Tres espectáculos nos que as protagonistas son coñecidas e recoñecidas actrices do panorama teatral galego, poñerán voz de muller ao Auditorio vimiancés. Así, Malasombra porá en escena Bernarda, unha adaptación da obra de García Lorca, trasladando a acción ao 1975, un momento clave na nosa historia, con Luísa Merelas, Celia González e Sabela Arán; De Ste Xeito Producións, da man de Esther F. Carrodeguas, cóntanos unha historia dunha nai e unha filla en Loló e mamá, con Josi Lage e Stephy Llaryora sobre as táboas; e pecha o ciclo Redrum Teatro, con Invisibles, unha adaptación da novela de Motse Fajardo sobre a violencia machista, con Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez. Entradas Os espectáculos son os sábados ás 21horas, e o prezo de entrada son 5€, coa posibilidade de adquirir un bono de 25€ para os 7 espectáculos. Programación familiar Os domingos é o día reservado en Vimianzo para que se desfrute en familia do teatro, da música e dos contos.  Velaquí a programación: -10 de febreiro, ás 18.30h e con entrada de balde, contos de Bandullo Azul. -24 de febreiro, celebración do Día de Rosalía con Larraitz Urruzola e A viaxe de Rosalía. -10 de marzo, espectáculo infantil que dá voz a historia de mulleres coa contadora Marta Ortiz e Mulleres de sal. -24 de marzo, música de Lydia Botana con De aquí para alá. -7 de abril, monicreques e contos da man de Expresión Produccións e O libro máxico, que pecharán a programación.

Comentarios