sábado. 09.11.2024
El tiempo

Os trasn@s plántanse e non farán o Camiño dos Faros 2020 en protesta pola falta de apoio das administracións

II Camiño dos Faros  Camariñas-Muxia 2013-11-23 463 copia 2
Imaxe dunha etapa do Camiño dos Faros en 2013
Os trasn@s plántanse e non farán o Camiño dos Faros 2020 en protesta pola falta de apoio das administracións

Non haberá edición 2020 do Camiño dos Faros. Así o veñen de anunciar os trasn@s nun comunicado publicado na web do Camiño dos Faros. Fartos de facer de políticos e andar pregando para que as administracións se movan para conseguir a homologación da ruta GR, os trasn@s prántanse en clave de protesta.

Non é que o mellor recurso turístico da década na Costa da Morte, creado pola sociedade civil, vaia desaparecer. O Camiño dos Faros segue perfectamente sinalizado para quen queira disfrutalo. Simplemente a Asociación Camiño dos Faros non vai organizar esas multitudinarias etapas con medio millar de persoas percorrendo os cantís da comarca.

É absolutamente incrible o que conseguiron estes veciñ@s da comarca nestes 7 anos de vida do Camiño dos Faros. Dende aquel 2013 no que partían 7 persoas e dous cans dende Malpica, conseguiron situar a Costa da Morte na vangarda do turismo de natureza a nivel mundial. Deixando un recurso turístico de valor incalculable, que atrae a milleiros de visitantes ano tras ano, estación tras estación.

Pero o empurre da sociedade, e a potencialidade do recurso, non se veu reflectido na resposta das administracións. Apenas a Deputación intentou apoiar durante un par de anos o proxecto de homologación da ruta de Gran Percorrido GR, pero o nulo apoio da Xunta e a vaga resposta dos 8 concellos implicados (apenas unha foto conxunta) fai que a Asociación promotora estoupe dunha vez, tras 6 anos de incansable traballo.

A homologación é fundamental para a supervivencia do Camiño, que non pode depender toda a vida da vontade de medio centenar de trasn@s. Ademais de obrigar ás administracións a manter os sendeiros limpos e sinalizados, a GR situará a Costa da Morte en ducias de guías internacionais de sendeirismo e turismo sostible.

El@s, os trasn@s, xa teñen feito moito máis do que se podería esperar. Tócalle ás administracións (de todas as cores) dar un paso adiante.

Novas relacionadas

Comentarios