Mércores. 17.04.2024
El tiempo

Unha ruta "galitaniana" por todo o litoral da Costa da Morte

Unha ruta "galitaniana" por todo o litoral da Costa da Morte

Milleiros de persoas chegan andando ata a nosa fin do mundo cada día, cada semana, cada mes, cada ano. O pasado outro de 2010 pasou polo Albergue de Fisterra o peregrino número 100.000. "Como para acordarse de todos...", comenta a hospitaleira e presidenta en funcións da AGACS Begoña Valdomar. Pero dalgúns si que se lembra.

Por exemplo, dunha nova rapaza italiana, da Faenza, preto de Bolonia. Chiara Luppoli está completamente enamorada de Galicia, e dende que no 2007 percorreu 1.000 km para chegar ao Finisterre, non pasan dous meses sen que volva polas nosas terras. "Vaia muller", apunta Begoña, "coñece mellor Galicia ca nós". De feito, acaba de abrir un blog, en "galitaliano", que se chama La mia Galicia.

Efectivamente, apenas lle faltan un par de zonas de Galicia sen pisar. I é que Chiara vai a pé. A última ruta que fixo, este pasado mes de xuño, foi polo litoral da Costa da Morte, dende Malpica ata Corcubión. A seguinte será a que lle leve a Muros, para completar a que en teoría, se chamará "Ruta Costa da Morte", aínda que se estea retrasando máis do agardado.

Por que Galicia?

En perfecto galego, a propia Chiara nos conta que "tras case mil quilómetros, cando fixen o Camiño por primeira vez no 2007, notei, xusto ao entrar en Galicia, algo estraño". Foi alí, no Cebreiro, cando caeu rendida aos encantos da nos Galicia. E dende esa non para de voltar. "Cantos recordos aquí... as persoas coas que estiven, os companeros do camiño, o paseo marítimo, a choiva e o vento, o sol, o cansazo e o pracer despois da ducha, a subida ao faro, a posta do sol se hai bo tempo. Palabras que quizas van soar vacías para quen nunca fixo o camiño, un camiño".

Ademais das paisaxes, as xentes son algo que lle fai tremer. Pola Costa da Morte cóntanos como a avoa Ortensia de Barizo case a acolle como neta; como na Casa Basca de Barizo estaba como ca súa familia; como Xabier, un dos técnicos do Concello de Ponteceso, que colleu o coche e a levou por todas as marabillas do termo pontecesán; como as palilleiras de Camariñas; como Begoña a trata como unha heroína... e así un longo etcétera de xentes inesquencibles para ela. Así mesmo o describe.

"Xente amable, xente acolledora, xente que se alegra cando intento sacar palabras no meu pobre galego, xente enganchada á súa terra. Un galego recoñécese entre millleiros de persoas. Un galego de verdade é unha persoa encarnada na súa terra, un individuo que está relacionado con todo: coa terra, co mar, coa súa familia, cos seus veciño, cos amigos, os compañeiros, mais tamén aberto e curioso ao que chega desde fóra... E sobre todo, amable, acolledor, xenuíno, un pouco reservado, alegre dentro, bo... persoa de corazon enorme. Paréceme que hai por aquí unha enerxía, non sei que é, non sei como chamala, algo que anda no aire, na auga, que é parte das pedras e as rochas máis duras, do océano embravecido, das flores do campo, nos corpos fisicos e nas almas das persoas... en Galicia respírase outro aire".

Ruta Costa da Morte

Chiara fixo a súa particular Ruta polo litoral da Costa da Morte, "o ultimo anaco da costa de Galicia que me quedaba", recoñece. 8 etapas, dende Malpica ata Corcubión: Malpica-Barizo, Barizo-Ponteceso; Ponteceso-Borneiro-Laxe; Laxe-Camelle; Camelle-Cabo Vilán-Camariñas; Camariñas-Ponte do Porto-Muxía; Muxía-Fisterra; Fisterra-Corcubión.

Apunta que a zona que máis lle impresionou foi a Ruta Camelle-Cabo Vilán, un dos tesouros da nosa bisbarra, sen lugar a dúbidas. Fala tamén da Punta Nariga, das vistas do Monte Branco, do dolmen de Dombate ou o Castro Borneiro, os Penedos de Traba e Pasarela ("pasei por un sitio, antes de chegar a Camelle, no que me sentín unha hormiguiña: parecia lle terra dos xigantes, bloques de granito enormes, vermellos, ás beiras do mar"); a bravura do mar de Santa Mariña...

Algunhas cousas malas mellorables

Unha das cousas que máis chamou a atención de Chiara foi a pouca comunicación entre os Concellos da zona. Pediría máis colaboración e coordinación entre Concellos, "máis redes internas", para que sexan todos os que promocionen o conxunto da bisbarra e non só as praias que están dentro do seu termo municipal.

Ao coñecer a historia da suposta Ruta Costa da Morte, Chiara reflexiona sobre por que un proxecto coma este non nace no sei da Costa da Morte. Que non sexa un concello, unha entidade, un veciño aventureiro da zona, o que desenvolva esta fermosa e necesaria guía-ruta, "é algo imperdoable", segundo esta "galitaliana".

Agardámoste por aquí Chiara, e mentres seguiremos descubrindo la túa Galicia pola rede.

Máis información

Historias do Camiño

Máis novas

Fonte

Comentarios