![Traballores e traballadoras de Seaga manifestaronse diante do edificio da Xunta en San Caetano]()
Traballores e traballadoras de Seaga manifestaronse diante do edificio da Xunta en San Caetano
Co fin de denunciar as condicións de "absoluta precariedade" e a "nefasta política" en materia de prevención e extinción de lumes da Xunta de Galicia, uns 300 traballadores e traballadoras da empresa pública Seaga manifestáronse onte en Santiago de Compostela percorrendo as rúas da cidade antes de iniciar unha acampada en San Caetano que se manterá até o vindeiro venres.
A marcha - convocada pola CIG - arrincou da praza Roxa pouco despois das 12 horas e rematou hora e media despois diante do edificio da Xunta en San Caetano. Unha faixa co lema
“Outra política forestal é posíbel. Seaga solución” abría unha comitiva que durante o percorrido berrou lemas como “Máis prevención e menos extinción”, “Quen apaga o lume, nós e non a UME”, “Feijóo, cabrón, traballa de peón” ou “ A culpa de quen é, dos que voton o PP”.
Xa nas inmediacións do edificio central da Xunta en San Caetano, tomaron a palabra o secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, e o presidente do comité de empresa de Seaga en Pontevedra, Josafat Puente, quenes quixeron deixar claro que “non vai haber paz no Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) até que non se solucione a problemática laboral existente en Seaga”.
![Os traballadores inciaron una acamapa en San Caetano que se mantera ata o venres]()
Os traballadores inciaron una acampada en San Caetano que se mantera ata o venres
Ao mesmo tempo, os responsábeis sindicais aproveitaron para criticar a política forestal do Partido Popular, así como o dispositivo de extinción e loita contra os incendios. “O operativo da Xunta é un caos, xa que se poden atopar nos montes galegos para tarefas de extinción máis de 11 entes de diverso tipo: medios propios da administración autonómica, concellos, Tragsa e Natutecnia, entre outros”.
Contratos de 3 meses
Xunto a isto, denunciaron as precarias condicións laborais e económicas que padece o persoal, ao ter
contratos fixos-discontinuos dunha duración de tan só tres meses, o que non lles permite acceder nin a subsidios familiares nin ás axudas de 400 euros.
Por todo isto, demandaron un cambio nas políticas para o medio rural e unha nova política forestal e que se unifique o servizo nun único dispositivo público “no que se garantan condicións laborais dignas para todos os traballadores e traballadoras”.
Unha vez rematadas as intervencións, os asistentes á mobilización celebraron un xantar popular, tras o que iniciaron a instalación do campamento no que permanecerán 24 horas diarias até o vindeiro venres día 23 de setembro.
Incendios forestais 2016
Incendios forestais 2015
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
- CIG