Unha de prevención: A Xunta gastou no lume do Monte Pindo 14 veces máis do que invertira anteriormente


Interesantísimo o informe que publica esta semana a Asociación Monte Pindo Parque Natural. I é que cando falamos de plans de conservación, as administracións responden con “aforro”, cando podemos comprobar que a ecuación é absolutamente oposta.
Segundo a entidade costeira, “a Xunta gastou a raíz do incendio de setembro de 2013 no Monte Pindo 14 veces máis de todo o que investiu en prevención na etapa de Alberto Núñez Feijóo”. A entidade solicitara en novembro de 2013 un informe dos gastos daquel tráxico incendio, un informe que chegaba 1 ano e 3 meses despois, logo das ameazas da entidade, e da actuación do Valedor do Pobo. O informe que tanto tempo lles levou, é de folla e media, sinala a AMPPN.
Así e todo, o informe demostra o caro que sae o lume. Os traballos só para sofocalo custaron 0,53 millóns de euros, ademais do esforzo de 897 persoas, 96 vehículos e 24 aeronaves. Mención aparte merece o montante dos contratos a empresas privadas. Nada menos que 251.466.09€, o 46,70% do gasto total, foron para o sector privado, maiormente para a empresa Inaer Galicia SL.
E aínda faltan os datos de canto custou o famoso air mulching, o operativo de lanzamento de palla…

Que é iso da Prevención?
Denuncian dende a Asociación que este custe tan elevado foi por mor da falta de prevención que convertiu nos últimos 10 anos o Monte Pindo nun auténtico “polvorín”, acabando por suceder o que xa sabemos, 2.500 hectáreas de zona protexida arrasada, así coma cos espazos naturais colindantes da fervenza do Ézaro e as Marismas de Caldebarcos.
Constantan dende a entidade que “o PP só desenvolveu unha actuación no Pindo antes do lume”, “un desbroce de 74 hectáreas (o Monte Pindo abarca preto de 2 mil) supostamente desenvolvido entre os anos 2010 e 2011, por valor de 79.065.33€”.
Cartos suficientes para un Parque Natural
Por iso conclúen que “con parte deses cartos malgastados Carnota e a Costa da Morte terían un Parque Natural plenamente operativo”. “Non podemos cuantificar a priori o custo exacto de crear ese Parque Natural, pois só pode facelo a Xunta, pero sen dúbida ese millón de euros que a Xunta dilapidou improvisada e inutilmente serían máis que suficientes para declaralo e dotalo dunha estructura eficiente”.
Ante Europa
Así, a ”Asociación Monte Pindo Parque Natural vai presentar unha denuncia contra varios altos cargos da Xunta de Galicia ante a Unión Europea por ter permitido baixo a súa xestión a destrución case total dos valores naturais que xustificaron no seu día a incorporación do espazo denominado LIC Carnota-Monte Pindo na Rede Natura 2000”.
Novas relacionadas
- 22-10-14: Denuncian no Parlamento o desleixo e abandono da Xunta co Monte Pindo.
- Descobren un novo petroglifo que podía servir de guía no camiño do Monte Pindo.
- O abandono da recuperación do Monte Pindo chega ao Parlamento.
- 11-09-14: Estado do monte Pindo, un ano despois.
- 11-09-14: #MontePindo: O cabodano da gran catástrofe medioambiental.
- 29-12-14: O PP descarta de novo o Parque Natural para o Monte Pindo:
- Argumentos para o Parque Natural Monte Pindo.
- O lobo e corzo volven ao Monte Pindo.
- Monte Pindo e GMTA preparan o Trail polo Olimpo Celta.
- Os Vídeos naturais de Francisco Santiago López.
- O lobo come boletus.
Fonte
- Asociación Monte Pindo Parque Natural.
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).