Veciños de Ponteceso, Mazaricos, Coristanco e Santa Comba unen a súa loita contra os eólicos nunha Rede de Plataformas Galegas
Este pasado sábado 14 de setembro, a Casa da Cultura de Mazaricos foi o xérmolo dunha nova Plataforma veciñal formada por xentes de toda Galicia cun obxectivo común: “visibilizar e denunciar o problema da non planificación da produción eléctrica e as súas consecuencias, frear os parques eólicos e liñas de alta tensión abusivas e inxustas, e defender o territorio”.
A Asociación de Veciños 3 maio de Campolongo (Negreira), Asociación de Veciños Vila do Monte de Outes, colectivo Non eólicos de Ordes, Plataforma non máis eólicos Campelo-Bustelo-Toural, Plataforma veciñal non eólicos de Mazaricos, Plataforma veciñal contra os eólicos de Ponteceso e Salvemos o Iribio, uniron as súas loitas para formar a primeira rede galega de plataformas en contra de proxectos eólicos e liñas eléctricas abusivas.
Todos coinciden en que a “lexislación está obsoleta e favorece á implantación dos parques eólicos, sostidos con capital estranxeiro, por riba do benestar, da saúde e da economía das poboacións locais, que teñen que soportar todas as consecuencias negativas destas instalacións”.
Enerxía eólica si, se destrúe o territorio non
Deixan claro que a “nova organización non se opón a produción de enerxía eólica, pero sí a aqueles proxectos que se dispoñen sin planificación no territorio e que non conlevan máis que consecuencias moi negativas para toda a veciñanza”.
Denuncian a falta de información que teñen ao seu alcance os que sofren as consecuencias, e que estes proxectos de parques eólicos se realicen de forma vertical, desde a empresa e a Consellería de Industria pero sen ter en conta a valoración e consecuencias de todos os veciños e veciñas, e poboacións afectadas, non só en forma de consulta, senón de forma vinculante.
Galicia, a que máis o sofre, a que máis paga
Nesta primeira asamblea tamén se falou do inxusto sistema eléctrico español, no que Galicia produce moita enerxía e, para iso, ten que soportar grandes infraestruturas, pouco planificadas e con consecuencias aínda sen estudar (estase a falar de tecnoloxía moi nova da que aínda non hai experiencia con ela, e menos tan próxima a núcleos rurais), e, pola contra, é a comunidade autónoma que paga a factura eléctrica máis cara de España.
Andaina por Alcaián
Paralelamente non cesan as actividades de posta en valor do territorio, como mostra da afectación de certos proxectos. Como fan a Plataforma NON Eólicos Bustelo-Campelo-Monte Toural, que artella unha Andaina pola mítica Lagoa de Alcaián o vindeiro 22 de setembro.
Novas da loita "eólica"
- A solidariedade coa defensa da serra do Iribio ante a ameaza dos eólicos tamén chega á Costa da Morte.
- O BNG denuncia, dende Mazaricos, a “extorsión” das eólicas a propietarios e Concellos da comarca.
- Unindo fervenzas para loitar contra o megaparque eólico.
- Mazaricos páralle os pés aos eólicos.