Veciñ@s polo mundo: “Voltarei para a Costa cando me chegue o día da xubilación”
Na nosa viaxe pola 6ª comarca da Costa da Morte, a diáspora, toca unha das paradas máis clasicas, e pola que xa temos parado. Pero é que en Suiza hai moitos costeiros “de dios”…
Hoxe temos unha interesante conversa cun xalleiro nado en Suiza. Moi, pero que moi interesante a súa reflexión sobre o seu futuro aquí ou alí. E atentos á anécdota que nos conta, boa proba do pequeno que é o mundo, e de que costeiros hainos por todas partes!
- QPC: Como te chamas?
Jorge Otero Lema.
- QPC: De onde es?
Son de Santa Comba, a pesar de que nacín e estiven ata case os 8 anos en Suiza.
- QPC: Onde vives agora?
Vivo nun pobo o lado de Lausanne (Suiza) chámase Cheseaux-sur-Lausanne.
- QPC: Por que motivos te trasladaches aí?
-Pois foi por diversos motivos, podo contarvos algún. Nacín aquí e sempre me gustou como país. E, bueno, tamén despois de traballar durante moito tempo en Galicia e ver como o soldo baixaba a causa dos recortes por mor da crisis, decidín deixalo todo aí e vir probar sorte aquí, o país no que nacín e tanto axudou a moita xente de aí a ter unha oportunidade para traballar e axudar aos seus. Na vida se non corremos riscos non temos nada.
- QPC: Canto tempo fai que te mudaches para aí?
Volvín no 2012.
- QPC: En que traballas?
Traballo nunha empresa bastante grande, do sector da electricidade, de liñas de alta, media e baixa tensión, con varios departamentos. Eu concretamente fago montaxe de liñas para os trens. A verdade que é un traballo con risco, pero gústame moito, xa levo case 4 anos na empresa e teño xa o meu cargo, estou recoñecido e estou moi a gusto.
- QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte? Tes morriña?
O que máis boto de menos é o mar, esas paisaxes costeiras, esas mariscadas que podes comer cunha vista o mar.
E morriña… claro, pódese dicir que en parte si, boto de menos os amigos que teño aí.
- QPC: Manteste ao día da actualidade costeira? Como?
Si, todos os días, a través da Voz de Galicia, e como non, grazas a vós.
- QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?
Pois unha, no mes de decembro paso 4 semanas na Costa. Un ano dóuseme a casualidade de ter ido dúas veces no ano, pero se non en xeral, só vou polo Nadal. En Semana Santa e mesmo no verán collo dúas semanas pero gústame ir ver outros recunchos do planeta.
- QPC: Que tal embaixador es da túa terra? Tes traído xente visitala Costa da Morte? A canta lle tes falado dos nosos recunchos?
Bueno, penso que son bo embaixador, nunca levei a ninguén, pero téñolles ensinado a moitas imaxes da Costa da Morte e falado moito dela.
- QPC: Que diferencias máis grandes atopas entre o teu novo lugar de residencia e a Costa?
A máis grande é que aquí non chove nin a metade do que chove aí! Jajaja. Pero tamen as costumes e a evolución tamén son moi diferentes.
- QPC: Que cousas importaría para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?
Para a Costa levaría a neve e mesmo este clima, non hai tanta humidade como aí. E tamén un pouco da mentalidade de aquí.
Despois para aquí traería… o mar! E algo de esa gastronomía tan boa que por moito que a fagamos aquí non sabe igual. Por exemplo, os días de feira ir comer esa tapa de pulpo que está tan boa…
- QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí?
Si, como non. Un día estaba traballando co equipo que tiña, e á primeira hora da tarde chámame o xefe para dicirme que ao día seguinte me mandaba un home para ver como traballaba e si valía para a empresa. E bueno, eu díxenlle que sen problema lle facía a proba. Ao día seguinte chego para traballar, e resulta que o home que viña facela proba é xalleiro tamén, e mesmo xogáramos xuntos no Xallas no equipo dos xuvenís. O mundo ás veces faise pequeno.
- QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?
Si, atopei bastantes. A verdade que é impresionante a cantidade de galegos e costeiros que atopei viaxando (polo traballo) por este pequeno país.
- QPC: Volverás a túa terra? Cando?
A terra galega é fermosa, sei que parte de min é desa terra, dado que aí pasei 15 anos. Como terra encántame, teño familia e amigos aí. Per voltar, non podo dicir un sí, dado que aquí estou moi ben e vaime moi ben, teño unha calidade de vida que aí non tería, e moitas cousas máis. Pero tampouco digo que non, porque a vida dá moitas voltas e nunca se sabe. Só podo dicir que na cabeza teño pensado voltar para aí cando me chegue o día da xubilación, se chega ese día claro, jajaja…
E xa que as preguntas finalizaron, gustaríame aproveitar para mandar saúdos á miña xente, eses amigos que teño aí, ao pobo de Santa Comba e á Terra do Xallas en xeral. Dar as grazas tamén a Que pasa na Costa, por manter aos que están fora ao día co que pasa na Costa da Morte. E sobre todo a cada persoa da Costa da Morte que fai o necesario para que esas paisaxes se manteñan màis fermosas que nunca.
Un saúdo dende Suiza.
Veciñ@s polo mundo
- Un carnotán na neve: “A Suiza levaría o Bar London”.
- De Baíñas a Alemaña: “Voltar, voltarei seguro, que a cabra tira ao monte”.
- Das terras do Xallas aos Fiordos: “Boto de menos o panadeiro na porta”.
- Un deportivista zaense na neve.
- Do Fútbol da Costa ás praias de Barcelona.
- De Santa Comba a NYC: “Cando lles amoso fotos da terra aos neoiorquinos o primeiro que me preguntan é que fago alí”.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).