As “vilas sen estado” da Costa da Morte
A Costa da Morte está chea de vilas singulares, de pobos que sinten que a súa independencia vai máis alá da pertenza ao concello que lles tocou. Chamámoslle aquí “vilas sen estado” a eses lugares cunha identidade propia, que sinten o seu Concello, pero por diante, a súa pertenza a un lugar diferente.
Facemos un repaso, dende a retranca, pola comarca.
Baio e Corme
Baio e Corme poderían ser o paradigma destas “vilas sen estado” da Costa da Morte. Claro é o caso de Baio, cuio núcleo urbano é máis grande que a capital municipal, Zas. A relación entre ambas vilas é continua e máxima, e máis aínda dende a fusión municipal das Escolas de Fútbol Base Concello de Zas.
Son moitas as entidades que coidan o tecido social da vila, pero sen dúbida, Adro de Baio é a máis enerxética.
Caso curioso, e cómpre engadilo aquí, é o da Piroga, que sendo case que un barrio de Baio, pertence ao Concello de Vimianzo, ao situarse ao outro lado do río Grande. Unha circunstancia que levou ás xentes deste lugar baio/vimiancés a ter unha complicada vida burocrática en tempos de pandemia.
Corme é outra das vilas máis singulares da comarca. Un deses lugares que non están de paso, ao que hai ir a propósito, que xera un sentimento de pertenza brutal. Forma ademais Corme unha comunidade tremendamentre entregada, que se envorca con cada evento solidario, e no que o Fútbol, e o seu Corme C.F. é un dos axentes dinamizadores máis grandes, xunto co Perceben e mais a Asociación de Veciños Eduardo Pondal, que dan vida a ese carácter mariñeiro tan especial
En Bergantiños
É o Concello de Malpica un Concello moi singular. O tremendo potencial asociativo que existe neste termo municipal, ligado á historia dos clubs de fútbol, fan que haia varios polos diferenciados. De toda a vida houbo enfrontamentos entre as xentes do núcleo urbano de Malpica e as que viñan “das aldeas”. Unha segregación cada día máis ridícula, pero que deixou que lugares como Buño e Cerqueda sintan a súa pertenza ao municipio dun xeito máis burocrático que sentimental. A Olería de Buño, ou entidades como Raigañas afondan neste sentimento de identidade en cada parroquia. Non esquecermos Seaia, que conta mesmo con equipo na Liga da Costa.
Por Bergantiños podemos para en Caión ou Paiosaco, as vilas con personalidade propia pertencentes ao Concello da Laracha. A Feira de paiosaco e a súa Festas das Cereixas e o fermoso núcleo urbano que forma Caión e a súa praia danlle unha vida propia.
Se cadra Carballo é un polo de atracción demasiado grande, pero que lle pregunten as xentes de Razo, Verdillo ou Sofán sobre a súa máis que refrendada independencia. E de novo o Fútbol da Costa volver ser un axente diferenciador.
Na Comarca de Soneira
Son varias as viñas sen estado na comarca nas Terras de Soneira. Ademais de Baio-Zas, o Concello de Vimianzo ten en Baíñas unha vila tremendamente singular, ata o punto de que ten festa do Entroido propia.
Mención especial para dúas vilas do Concello de Camariñas: Camelle e a Ponte do Porto. Os seus clubs de fútbol son auténticos axentes xeradores de idiosincrasia única. Unha, a da Ponte do Porto, como cruzamento de camiños, debido tamén á súa vinculación á histórica vila de Cereixo, outro caso como o da Piroga, e separada tamén polo río Grande. Cómpre destacar aquí o papel do IES Pedra da Aguia, un polo de atracción crucial para o desenvolvento e a vida na vila.
A outra vila, Camelle, destaca como especial destino final, vinculado coa historia, co compromiso, e co patrimonio mariñeiro. A súa riqueza social fai que unha entidade como Naufraxios Galegos se decidise a artellar o seu principal evento anual na vila camellá, con ese homenaxe ao City of Agra.
A Comarca de Fisterra
Xa en Fisterra, son varias as vilas especiais. Poderíamos falar dos Muíños (Muxía), ou dos Brens, Pereiriña ou Ameixenda, parroquias especiais de Cee, que contan con ata equipo de Fútbol da Costa (fito chave). Pero sen dúbida, as dúas vilas sen estado da comarca de Fisterra son Sardiñeiro (Fisterra) e O Ézaro (Dumbría).
O caso do Ézaro é máis evidente, o único espazo costeiro dun concello amplo e agrario, o punto turístico dun concello tremendamente disperso onde a súa capital municipal, Dumbría, pasa inadvertida ao atravesármola.
Máis claro é o caso de Sardiñeiro, vila que sofre ese sentimento de esquecemento municipal crónico, que loita por manter os seus servizos e a súa propia natureza.
A Picota e o Pino do Val
Curiosa a circunstancia que se dá en Mazaricos onde dous núcleos comparten protagonismo. Se A Picota é o centro municila, o Pino do Val é un dos cruces máis importantes da comarca, convertido en zona de encontro para as xentes de toda a zona.
O Sur da Costa
Baixando ata o sur da comarca atopamos tamén varias vilas especiais. En Carnota, o tamaño si que importa, e máis alá da loita sobre que hórreo é máis grande ou cal ten máis pés, Lira e Canota teñen unha rivalidade continua. As xentes da AC Canle de Lira, a Confraría ou do Lira C.F., o único club de fútbol a día de hoxe en todo o Concello, así o refrendan.
Mención especial tamén para Lariño, que vive a súa fronteira con Muros dun xeito tamén moi especial, con ese areal e ese Faro como auténticos sinais de identidade.
E rematamos a viaxe polas vilas sen estado da comarca por Muros, onde o fútbol, e as carrilanas son elementos diferenciadores. Esteiro e Louro son, claramente, dúas vilas sen estado, unha ao sur e outra ao norte da capital municipal. Por Louro devecen polo seu areal maior e a súa lagoa, ademais de polo UD Monte Louro, como focos de atracción; por Esteiro fardan de remo, das súas Carrilanas e da súa obrigada cita cada domingo na Salina.