Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Xeodestinos turísticos

Xeodestinos turísticos
Fai cinco anos a Xunta de Galicia presentaba o primeiro modelo de ordenación territorial do turismo de Galicia. Aparecía constituído en xeodestinos, cos que se pretendía que concellos limítrofes conformasen identidades turísticas singulares. A teoría era perfecta. Estábamos ante un novo mapa, que comprendía a totalidade dos concellos galegos, agrupados en 14 destinos turísticos claramente identificados e localizados. Mapa dos Xeodestinos Turísticos de Galicia. Fonte- Turgalicia Mapa dos Xeodestinos Turísticos de Galicia. Fonte- Turgalicia Durante todo este tempo, as críticas desde algúns concellos non deixaron de sucederse. Chegou a argumentarse que a división territorial non fora consensuada. Que os concellos nos que o turismo non é relevante deberan ser excluídos. Que non se tivera en conta a complexidade do sector. Que se desperdiciaran oportunidades. E incluso se cuestionou o uso da palabra “xeodestino”. Como resultado, algúns destes concellos seguen actuando exclusivamente no ámbito do seu termo municipal. Outros, traballan aínda hoxe na creación dun modelo de xestión turística conxunta. Pero fronte a estes, tamén houbo concellos que apostaron forte pola nova distribución do mapa turístico galego. Superaron as diferenzas políticas, e uníronse uns con outros para formar estruturas sólidas de xestión coas que fortalecer o seu posicionamento turístico. Como resultado, a agrupación destes municipios en xeodestinos serviu, nalgúns casos, para reforzar proxectos e marcas xa consolidadas, e noutros casos para impulsar novos destinos e produtos turísticos. Estes resultados tan distantes o que permiten afirmar é que, nos seus cinco anos de vida, o modelo de xeodestinos turísticos non supuxo unha solución definitiva ó problema crónico dos localismos que tanto afectan ó sector. Sen embargo, provocou dinámicas que favoreceron a súa redución. E despois do marco teórico é cando me soedes preguntar… que opinas ti? Pois eu, ante este asunto, non resto importancia ó papel clave que deben ter as administracións municipais nos procesos de desenvolvemento turístico local. Para min, os concellos son os que mellor poden defender os intereses dos destinos; primeiro, porque son as administracións que mellor os coñecen. E segundo, porque son as administracións máis próximas á cidadanía, ás empresas e ós visitantes. Outra cousa é que ás políticas de planificación e regulación do sector lles conveña facer unha xestión de maior alcance que a do ámbito municipal. E nesto último, que considero tan necesario e potencialmente eficiente, agora pregúntovos eu… non habería que ir pensando en obter resultados? APUNTE: O xeodestino Costa da Morte abarca os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

  • María José Mato Figueiras, Técnica de Turismo e Guía turístico-medioambiental do Concello de Laxe.
 

Artigos de María José Mato

Artigos relacionados

Comentarios