O talento feminino encheu a Festa da Carballeira de Zas

A Carballeira de Velar volveu a vibrar ao son da música este venres 8 de agosto, co comezo da 40º edición da Festa da Carballeira de Zas. Milleiros de persoas de todos os lugares reuníronse para desfrutar dun dos festivais máis importantes de música folk a nivel nacional e internacional, cun cartel do máis variado e completo 100% feminino.
A mestra de cerimonias foi a recoñecida Lupe Blanco, quen de nena foi espectadora, logo artista e agora presentadora da súa festa máis querida. Ás 22 horas da noite, Catuxa Salom foi a primeira en subir ao escenario, ofrecendo un espectáculo cheo de forza creativa e emoción que cativou aos asistentes dende o primeiro momento.



O prato forte da noite chegou coa actuación de Tanxugueiras, que acenderon a Festa da Carballeira cun directo poderoso e emocional, combinando tradición e vangarda e lanzando unha mensaxe clara a favor do empoderamento feminino e da defensa da lingua galega. Recordaron tamén o seu anterior paso pola Carballeira de Zas, nun momento moi emotivo, onde adicaron unha canción a Festa e expresaron as suas gañas de volver a pasar pola festa.
A xornada pechou cun estoupido de enerxía da man de Agoraphobia, que puxo o broche final ao primeiro día cun concerto contundente, vibrante e cargado de actitude.


Xornada do sábado 10 de agosto: sesión vermú, artesanía, e máis música nun ambiente familiar
Como xa é costume, o sábado é un día para toda a familia, onde dende os máis cativos ata os maiores, poderán desfrutar dunha tarde chea de gastronomía, actividades, e, como non, música.
Dende as 12:30 do mediodía, o segundo día da Carballeira abrirá as súas portas para que todos os asistentes poidan desfrutar dunha sesión vermú con mexillonada de balde, churrasco, un mercado de artesanía e unha zona infantil.
Na feira de artesanía, os asistentes poderán atopar instrumentos musicais, bixutería, produtos naturais, e moito máis!
Os máis pequenos, ademais dun espazo infantil con actividades e pintacaras, desfrutarán da actuación de Uxía Lambona e A Banda Molona.