Martes. 30.04.2024
El tiempo

17 de maio: A Xunta "pasa" do galego

17 de maio: A Xunta "pasa" do galego
365 días en galego e sen a Xunta

A Xunta de Galicia marxinou á práctica totalidade dos medios de comunicación en galego da publicidade institucional do 17 de maio, Dia das Letras Galegas. A Secretaría Xeral de Medios de Comunicación inseriu anuncios da "festa das nosas letras" en xornais, radios e sitios web que empregan o castelán os 365 dias do ano en porcentaxe superior ao 90%, pero desbotou colocalos nos medios que utilizan o idioma galego.

Algúns dos medios que empregan a lingua propia de Galicia, dirixíronse en concreto ao departamento do goberno que preside Alberto Núñez Feijóo encargado do asunto, onde lle indicaron que o plan de marketing do Dia das Letras fora encargado a unha axencia de publicidade, prorrogando un contrato realizado o pasado ano 2012. Non explicitaron os criterios utilizados para marxinar aos medios en galego.

Esa decisión incumpre abertamente o artigo 19 da Lei de Normalización Lingüística cando marca que "o goberno galego prestará apoio económico e material aos medios de comunicación (...) que empreguen o galego dun xeito habitual e progresivo". Gerardo Fernández Albor asinara o citado texto legal en 1983.

"Roberto Vidal Bolaño, sen ningunha dúbida sorprenderíase da decisión de marxinar aos medios de comunicación en galego, pero esa sorpresa exténdese tamén a calquera cidadán ante a "opacidade" que preside os criterios de reparto da publicidade institucional, pagada cos cartos de todos os galegos e galegas, dos que votaron ao partido no goberno, os que votaron á oposición e incluso dos que se abstiveron".

"Nós non queremos esmorecer. Nós non estamos esmorecendo. Galicia vén de lonxe e vai para lonxe, e nesa longa andaina nosa polos séculos, o idioma dános forzas e axúdanos a lembrar o que somos. Ese idioma é un monumento colectivo, sempre inacabado e onde todos teñen cabida" afirmou o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo no discurso oficial do Dia das Letras. "Os medios de comunicación en galego tamén queremos ter cabida nese monumento colectivo" manifestan medios como Radiofusión, Galicia Confidencial, Praza Pública, Que pasa na costa, Compás da costa, Terra cha.xa, Crónica 3, Sermos Galiza, Novas da Galiza e Certo.gl, entre outros.

Un venres de Letras Galegas agás no ensino

E mentres, o Goberno central aproveitaba para aprobar a controvertida Lei de Educación LOMCE. Dende a FEDANPA quería disfrutar dun venres de Letras Galegas "reivindicativo sinónimo de vida, de esperanza," pero que se atopou co venres represivo do ensino público do goberno central. "Unha lei cunha absoluta falta de acordo en torno á reforma que provocou e seguirá a provocar protestas da comunidade educativa".
A federación de anpas da Costa da Morte reitera que a LOMCE supón "afondar na privatización do ensino, impoñendo unha ideoloxía neoliberal que afoga o sistema educativo galego e do resto do estado, aumenta a confesionalidade, liquida a xestión democrática dos centros, expulsa do ensino ao alumnado en idade temperá e pon en tela de xuízo o dereito á educación".

Máis información

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

  • Asociación de Medios en Galego.

Comentarios