luns. 16.06.2025
El tiempo

A Axenda Cultural de Carballo xa nun fanzine e online

A Axenda Cultural de Carballo xa nun fanzine e online
Axenda REC Carballo

Meses de vertixe cultural en Carballo. E ademais de na #AxendaCostadaMorte, para estar ao día de cada actividade, podedes facervos cun destes fanzines. A patir desta semana está dispoñible no Pazo da Cultura a Axenda REC Carballo, unha axenda de recursos culturais (de aí o seu nome) para os meses de febreiro e marzo, que inclúe propostas para todas as idades, dende as sesións de baile para os maiores que organiza todos os domingos a Concellería da Terceira Idade ata a programación específica para o Entroido da Concellería de Cultura ou as actividades da Biblioteca Rego da Balsa.

Con esta publicación, que arranca cunha pequena tirada, o Concello de Carballo pretende dar continuidade á Guía de recursos REC, que tan boa acollida tivo e da que se está a preparar unha segunda edición, achegando a información cultural á poboación a través de diferentes canles. Deste xeito, ademais da publicación en papel, nun formato moi manexable e sinxelo, a Axenda REC Carballo estará dispoñible en versión dixital no perfil do Concello de Carballo en Issuu, na páxina web e nas redes sociais.

A Axenda REC Carballo ten dobre portada, por un lado a correspondente ao mes de febreiro e polo outro, a de marzo. Nas portadas interiores inclúese un calendario de cada un dos meses no se que sinalan en diferentes cores as actividades culturais (concursos, exposicións, obradoiros, literatura, música, entroido, teatro e cine) xunto con información básica de contacto. A programación concreta de cada día aparece nas páxinas interiores, nalgúns casos acompañada con fotografías ou ilustracións.

Aquí volas deixamos online:

Axenda REC de Febreiro

 

Axenda REC de marzo

 

Fonte

  • Concello de Carballo.

Comentarios