Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A #AxendaCostadaMorte chega coas principais citas da fin de semana

A #AxendaCostadaMorte chega coas principais citas da fin de semana
Preséntase de novo unha fin de semana con pouca actividade na #axenda de ocio da Costa da Morte. Varias presentacións literarias, unha demostración de cociña e algún que outro concerto son as principais citas destes días que se combinan con varias exposicións nos inmobles turísticos máis emblemáticos da comarca.
Parte Costeiro de 4.gotas A fin de semana non nos deixará moito sol, malia que no día por momentos si que se verá bastantes veces. Iso si, misturado con algún momento de chuvia, especialmente na mañá e no mediodía. O sábado, xa de madrugada, volven as chuvias. Choverá na madrugada e na mañá de xeito persistente, pero non forte. Iso si, tralo paso da fronte ao final da mañá entrará outra nova masa de aire moi fría que inestabilizará a atmosfera deixando na tarde do sábado e sobre todo durante todo o domingo chaparróns puntuais, pero moi intensos cando caian. Virán acompañados de saraiba, de frío e de refachos fortes de vento do norte. Mesmo no interior da Costa da Morte, nos montes máis altos, pode chegar a verse algunhas folerpas durante o amencer do domingo. Apenas terán tempo de callar porque seguirán chegando precipitacións e a partir de media mañá do domingo a cota de neve (que ao amencer poder chegar aos 350-400 metros) irá subindo e xa serán en forma de chuvia e desfará esa pouca neve que caia ao amencer. Como vedes, unha finde invernal. Especialemente o domingo. E ollo porque a partir do martes a situación complícase un chisco máis e a neve pode chegar a verse en cotas moi moi baixas. Atentos na web á evolución do prognóstico...

Principais citas da fin de semana

  • Historias de inverno con Senda Nova. Mª Carmen Carabel e José Collazo falarán das Historias de Inverno da aldea de Candelagho, en Corme. A cita é hoxe ás 19 horas.
  • Presentación literaria en Ponteceso. A librería pontecesana “A Tenda dos Libros” acolle hoxe, ás 20 horas, a presentación da obra “Soñando con Cala”, da escritora cormelá María Suárez.
  • Showcooking en Laxe. O museo do Mar de Laxe acolle mañá sábado, ás 11 horas, un taller de cociña titulado “Cociña e Innovación” enmarcado dentro do programa Reláxese 2018. A demostración en vivo estará dirixida polo cociñeiro Iván Domínguez, chef do restaurante Alborada (A Coruña).
  • Presentación literaria en Muxía. A biblioteca de Muxía acolle mañá, ás 19:30 horas, a presentación do libro “Se pedra na brétema” de Ramón Blanco. No acto de presentación intervirán David Creus, escritor e artista; Antón Lopo, editor; e o propio autor.
  • Concerto en Carballo. A Sala Dublín acolle hoxe, ás 23:30 horas, un concerto da banda viguesa Linda Guilala. O custe da entrada é de 5€.
  • Teatro infantil en Vimianzo. Este domingo arranca en Vimianzo o programa Apego coa obra de teatro infantil de Producións Dispersas “O souto dos prodixios”. A cita é ás 18:30 horas na Casa da Cultura.

Exposicións

  • Tenda Turística Stoupa acolle este mes unha exposición do autor muradano Roque Rey.
  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos  (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.

Máis información

Fonte

Comentarios