Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A #AxendaCostadaMorte énchese de actividades para todos os públicos

A #AxendaCostadaMorte énchese de actividades para todos os públicos
Teatro, foliadas, magostos, festas, concertos,... son algunhas das citas máis importantes da #axenda da Costa da Morte desta fin de semana. Antes de debullar unha a unha, detémonos do parte costeiro de 4gotas.com. A fin de semana será anticiclónica e seguiremos sen rastro de choivas. Hoxe notarase un un lixeiro aumento das nubes medias e sobre todo altas que en ningún momento ocultarán o sol. Simplemente se verá o ceo branco e azul por momentos... Seguirá o frío nas noites e no comezo das mañáns, con valores mínimos de 7-9 grados na costa e uns 2-4 no interior. Polo día volveranse a repetir os 16-18 grados. Mañá lucirá o sol durante todo o día e cunha suba nas temperaturas máximas. Será un día moi agradable, con temperaturas que se achegarán ata os 20 grados. O domingo sigue a monotonía do tempo e aínda que baixarán 1-2 grados as temperaturas seguirá a ser un día moi apacible.

Teatro

  • Teatro en Malpica. A Panadería leva hoxe a súa obra "Pan! Pan!" ao auditorio do centro Cívico de Malpica dentro do XIII mostra de Teatro argallada polo concello. A cita comeza ás 20:30 horas.
  • Teatro en Santa Comba. O edificio Multiusos de Santa Comba acolle esta noite, ás 21:30 hors, a obra de teatro "O rueiro das liortas" de Elefante Elegante. Esta é unha das citas que se enmarcan dentro do III ciclo de Teatro.
  • Teatro en Vimianzo. Mañá, as 21:30 horas, a compañía Contraproduccións interpretará a súa obra "Nacidas libres" no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. Está é unha das citas da programación cultural para adultos durante o outono posta en marcha polo concello vimiancés.
  • Teatro en Ponteceso. Ibuprofeno Teatro leva mañá a súa obra "Raclette" ao salón de actos do edificio das Escolas de Ponteceso dentro do XXIV ciclo de teatro organizado polo concello. A obra comeza ás 22:30 horas.
  • Teatro en Muros. O auditorio do centro cultural e xuvenil de Muros acolle mañá ás 18 horas, o espectáculo infantil e familiar “Rubicundo”.
  • Outono Rebuldeiro en Vimianzo. Chega ao seu fin a programación infantil posta en marcha polo concello de Vimianzo durante estes domingos de outono. O domingo será o turno de Teatro del Noroeste que trae o seu espectáculo "Animais de compañía"; unha fábula moderna sobre as relacións humanas que comeza ás 18:30 horas.

Magostos

  • Magosto-Foliada nas Torres do Allo. O pazo das Torres do Allo acolle mañá, a partir das 18 horas, un magosto organizado polo concello de Zas e no que non faltará a música tradicional da man da asociación cultural Adro, da asociación de baile tradicional Churía e de O Ghusto do Boi.

Exposicións

  • Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar martes a domingo de 10:30 a 14 e de 16 a 19 horas. Visitas guiadas gratuítas: sábado e domingo ás 12 e ás 19 horas.
  • Conxunto etnográfico do Mosquetín. O conxunto de muíños e batáns do Mosquetín abre as súas portas todos os días da semana dende as 11 horas ata ás 18 horas. Os sábados e os domingos hai visita guiada ás 13 e ás 18 horas.
  • As Torres do Allo, en Zas, abre sábados e domingos e festivos  (de 11 a 19 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
  • No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
  • Casa da Cultura de Vimianzo acolle dende hoxe a exposición “Teatro do Atlántico 30 anos actuando” na que se fai un percorrido pola traxectoria dunha das compañías máis lonxevas da comunidade. O acto de inauguración, ao que asistirá a actriz Luma Gómez e a responsable de Chiripa Produccións Eva Alonso, terá lugar hoxe ás 12 horas.
  • Exposición casa da Cultura de Cee. A casa da cultura de Cee acolle até o 30 de novembro FEMME; unha exposición de fotografía sobre a muller de Senén Insua.

Sendeirismo

  • Roteiro polo Monte Pindo. Con motivo do día internacional do Patrimonio Mundial, a asociación Monte Pindo Parque Natural organiza un roteiro p0lo Olimpo Celta que se desenvolverá mañá sábado a partir das 10 horas.
  • Ruta polas Terras do Marqués. Dentro do programa Outono en Marcha de Senda Nova, este domingo desenvolverase unha camiñata polas Terras do Marqués, na Laracha. A saída é as 8:15 horas de Carballo.

Festas

  • Festas en Rus (Roma-Zas). En Rus celebran mañá a festa na honra a san Antonio. A sesión vermú correrá a cargo do grupo América SL que comparte escenario á noite coa orquesta Cinema.

Outras citas

  • Muxía acolle a Proxección dun documental sobre os percebeiros de Muxía tralo Prestige, o domingo ás 18:00h.
  • Foliada solidaria en Carballo. A sala Dublín de Carballo acolle esta noite unha foliada solidaria na que participarán varios grupos da zona para reclamar un “monte vivo” despois da recente vaga de incendios forestais que arrasou unha boa parte da comunidade galega. A entrada é de 3€ que se destinarán a accións e proxectos pedagóxicos.
  • Obradoiro de regueifa. Lupe Blanco será a encargada de impartir este obradoiro que se celebra todos os sábados de novembro. A cita é a partir das 16 horas na casa dos Veciños do Couto.
  • II ruta de Pinchos do Outono en Laxe. Once establecementos hostaleiros de Laxe participan na II ruta de Pinchos do Outono de Laxe. O prezo do pincho é de 1,5€.  A ruta será o sábado de 12 a 15 horas e de 20 a 23 horas e o domingo de 12 a 15 horas. Ademais, haberá animacións musicais e tren turístico.
  • Xornadas Micolóxicas en Ponteceso. O concello de Ponteceso celebra mañá as III xornadas micolóxicas que comezan ás 10:30 horas coas saída para a recollida de exemplares dende a biblioteca municipal. Despois de catalagar os productos haberá unha degustación no local social da Campara.
  • Presentación en Vimianzo. Xan Fernández Carrera present o seu libro “Lendas da Costa da Morte” en Vimianzo. O acto – organizado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte – terá lugar hoxe ás 2o:30 horas na sala de conferencias da Casa da Cultura de Vimianzo.
  • Concerto en Vimianzo. A banda Delaostia interpretará mañá no Celme Café de Vimianzo unha selección das mellores cancións do pop e rock nacional. O concerto comeza á media noite.
  • Charla sobre naufraxios en Corcubión. No marco da exposición polos 100 anos do Carrumeiro, o Cárcere Vello de Corcubión acolle mañá ás 19:30 horas unha conferencia de Miguel San Claudio sobre naufraxios que viviu este simbólico faro.
  • Visita ao cemiterio de Corcoesto polo Día do Patrimonio. Con motivo da celebración do día do Patrimonio, a asociación Petón do Lobo organiza para mañá (ás 16 horas) unha visita con charla incluída ao antigo cemiterio civil municipal de Cortiño, na parroquia de Corcoesto (Cabana de Bergantiños).
Fonte

Comentarios