A #AxendaCostadaMorte énchese de citas para despedir o mes de xullo

08:15 28/07/17

Parte Costeiro de 4gotas.com
O verán non acaba de chegar nesta segunda quincena de xullo e semella que tampouco o fará na primeira semana de agosto. O anticiclón dos Azores está máis ao sur do habitual e temos unha ampla borrasca nas Illas Británicas que nos achega ventos do oeste, cargados de humidade e que arrastran algunha fronte pouco activa, pero o suficiente para que na fin de semana predominen as nubes. O venres amence con moitos claros, pero a medida que avance a mañá irán chegando nubes desde o Atlántico e no mediodía predominarán as nubes, especialmente no litoral entre Muros e Fisterra. Na tarde xa estará toda a Costa baixo un manto de nubes e teremos orballos na tardiña no litoral máis oeste. Eses orballos xeneralizaranse na madrugada do sábado e teremos un sábado gris con orballos e temperaturas suaves. No litoral norte (de Muxía a Malpica) abriranse claros e os orballos serán máis ocasionais (máis concentrados na mañá e no final do día, con bastantes momentos sen chuvia no mediodía e na tarde). O domingo teremos o paso dunha fronte moi pouco activa na madrugada que deixará chuvias febles, pero a medida que avance o domingo as nubes irán desaparecendo e sobre todo no litoral norte terán bastantes momentos de sol. No mediodía tamén abriranse claros no litoral oeste e no interior da Costa. Iso si, o sol non quentará as máximas do domingo non superarán os 21-22 graos... Xa vedes que moita praia non haberá esta finde :-(Festas
- En Carantoña, Vimianzo, celebran estes días as festas na honra á virxe do Carmen. A verbena desta noite estará amenizada polas orquestas Tango e Metrópolis mentras que mañá é o turno de Ciclón e Aramio.
- En Louro, celebran de venres a luns as Festas do Carme.
- Mañá e o domingo, celebran en Tella (Ponteceso) as festas do san Antonio. Contarán coa animación das orquesta Galilea, grupo Fama e Venecia.
- Dende mañá ata o luns estará de festa en Nemiña (Muxía), onde os actos litúrxicos se misturarán coa música.
- En Muxía celebran mañá e o domingo as festas na honra á virxe do Carmen. Mañá pola noite a verbena estará amenizada polo grupo Alcazar e La Nueva Phila, mentras que os protagonistas do domingo serán a procesión marítima e a verbena a cargo da orquesta Alaska.
- Continúan as festas do Apóstol na Ameixenda (Cee).
- Na parroquia de San Cremenzo (en Zas) están mañá e o domingo de festas. Contarán coas actuacións do grupo Bomba, da discoteca móbil Fábrik e con moitas máis sorpresas.
- En Santa Comba celebran esta fin de semana as festas de San Cristóbal. Mañá haberá concentración de vehículos clásicos e verbena á noite. Xa o domingo, será o turno da procesión motorizada e da música da man da orquesta Palladium.
- Festa do Caldo de Riola na Ponte do Porto. A partir das 20 horas de mañá sábado, o campo do Outeiro acolle esta particular festa gastronómica.
- Festa da Familia en Berdeogas (Dumbría). A carballeira de Berdeogas acolle unha cita con sesión vermú, xogos infantís e actuacións de varios grupos tradicionais e modernos.
Exposicións
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 20:30 horas. Os domingos de xullo, agosto e setembro, ás 13 ás 17 horas Roi e Elvira conducirán as visitas guiadas teatralizadas do Castelo de Vimianzo.A Ademais das visitas teatralizadas hai tamén: Visitas guiadas gratuítas no Castelo de Vimianzo: sábado e domingo ás 12h e 19. Visitas guiadas gratuítas no conxunto etnográfico do Mosquetín: sábado e domingo ás 13h e 18h
- As Torres do Allo, en Zas, abre todos os días (de luns a venres de 11 a 20 horas e sábados e domingos de 11 a 21 horas). Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas. O domingo, ás 19:30 horas, haberá visita guiada teatralizada da man de Os Quinquilláns.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas. Os Quinquilláns guiarán as visitas teatralizadas todos os sábados do mes de xullo e agosto ás 17:30 e ás 19:30 horas.
- O museo Man de Camelle poderase ver ata o 15 de agosto unha exposición da escola de Arte de Vimianzo. O horario de apertura é de martes a domingo de 11 a 14 horas e de 17 a 20 horas.
- O museo do Mar de Fisterra acolle ata o vindeiro 31 de xullo a peza que o estudo de arquitectura Creus&Carrasco levou á 15ª Exposición Internacional de Arquitectura da Bienal de Venecia. Trátase dunha maqueta de 2×1,40 m que se compón dunha base de tiras que representan o territorio con imaxes.
Outras citas
- Visita guiada, merenda e cine na Ponte de Brandomil. Este sábado Brandomil será o punto de partida para unha andaina pola parroquia na que se descubrirán o valor cultural e natural do lugar. A cita comeza ás 19 horas. Xa pola noite, ás 22:30 horas, proxectarase o filme “A praia dos afogados”.
- Dentro do programa Historia Viva Vimianzo mañá celebrarase unha foliada con merenda nos Batáns do Mosquetín. A troula comeza ás 13 horas cunha visita guiada e continuará coas acturacións da AC Trubisquiña e Do Fondo do Peto.
- Retablo de Fantoches "Rafael Dieste". Mañá sábado, o paseo marítimo de Malpica acolle a partir das 20:30 horas a representación da obra “A danza dos paxaros” de Paporrubio.
- Max Teatro representa mañá a obra "Cousas de matrimonio" a partir das 21 horas na Ameixenda (Cee).
- O Casino de Fisterra acolle mañá, a partir das 20:30 horas, unha sariñada e queimada con actuación musical incluída.
- Zarzuela en Cee. A asociación de amigos da Banda de Música de Cee preparan para mañá, ás 21:30 horas, unha cita coa Zarzuela no marco do VII Memorial Manuel Rebollar.
- Andaina por Corcubión. Mañá ás 1o da mañá arranca dende a praza de Castelao unha expedición de camiñantes para coñecer distintos puntos do municipio.
- Dentro do ciclo de Cine de Verán de Fisterra, o domingo ás 21:30 horas proxectarase a película “Atrapa la bandera” na praza da Constitución da vila.
- O domingo arranca a Semana Cultural de Zas coa proxección da curtametraxe “Vida” e co documental “Máis ca vida” de Rubén Riós. A cita é ás 21 horas no auditorio do concello.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)