A #AxendaCostadaMorte énchese de música
07:15 17/03/17
Achégase unha fin de semana na que a música será unha das principais protagonistas da #axenda da Costa da Morte. Dende a música de autor ata os estilos máis alternativos terán un espazo na oferta de ocio destes días que, segundo indican desde 4gotas.com, serán primaverais.
Malia aos días primaverais desta fin de semana hoxe haberá bastantes nubes na comarca de Bergantiños durante a mañá e a noite, abríndose grandes claros nas horas centrais do día. No resto da Costa da Morte predominará o sol. Hoxe haberá entre 2 e 3 graos menos no termómetro que onte, deixando uns 16-17 graos na parte máis norte e uns 20 no sur.
Mañá e domingo serán moi semellantes. Algunha nube alta decorará o ceo, ainda que en xeral predominará o ceo azul con temperaturas agradables. Nos mediodías 17-18 graos no norte e ata 22 no sur, con temperaturas algo frescas no interior durante a noite, pero agradables tamén en xeral.
Concertos
- Dentro dos Venres Culturais esta noite chega ao pazo da Cultura de Carballo Peter Bruntnell, un artista de culto dentro e fóra de Gran Bretaña. A cita comeza ás 21 horas e ao custe da entrada ordinaria é de 3€. Soará principalmente Nos Da Comrade (2016), un álbum luminoso que sucede a outros traballo espléndidos: Normal for Bridgwater o Ghost in a Spitfire.
- No Curruncho Pop da biblioteca Rego da Balsa de Carballo soará mañá un compositor de referencia, o galego Víctor Coyote. A entrada é de balde e ademais os concertos comezan ás 20:30 horas para poder desfrutalos en familia.
- A asociación Amigos de los Perros de Carballo organizan mañá un concerto benéfico na sala Dublín para recadar cartos para axudar á entidade. O custe da entrada é de 5€ e o concerto comeza a partir das 22 horas. Tocarán, de forma desinteresada, os grupos Perfusión (percusión e danza tradicional africana), Crú (metal), Apart (indie-rock) e Kostra da Morte (punk).
- Recital poético-musical en Corcubión: O bar Tío Moncho acolle unha nova actuación do dúo Alex López & un Calquera. Os versos do primeiro e os acordes de Elías Outes servirán para disfrutar dunha velada emocionante. A cita é mañá ás 21 horas.
- Concerto en Baio. O dúo Víctor & Lolo tocan mañá á noite no bar Trébol de Baio.
Festas
- A parroquia xalleira de Alón celebra mañá as súas festas na honra de San Xosé cunha verbena amenizada pola orquesta París de Noia.
Teatro
- A casa da Cultura de Vimianzo acolle mañá unha nova sesión de teatro. Voaxa e Carmín - interpretada por Mabel Rivera e Belén Constenla - é unha proposta de teatro de actrices que parte dun texto que mestura o popular co contemporáneo cunha escenificación que nos amosa unha Compostela virtual. A función comeza ás 21:30 horas e o custe da entrada é de 5€ (3,5€ a reducida).
- O centro cultural de Muros acolle mañá sábado, ás 21:30 horas, a proxección da longametraxe Sicixia, rodada na Costa da Morte. O custe da entrada é de 3€.
Exposicións permanentes
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados e domingos de 11 a 19 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
Outras citas
- Charla sobre o Castelo do Príncipe. Victor Castiñeira, historiador e técnico de cultura do concello ceense, ofrece hoxe ás 20:30 horas na casa da Cultura de Cee unha charla sobre a importancia cultural da fortaleza. O evento está organizado pola Plataforma en defensa do Castelo do Príncipe.
- Allstar de Billarda en Laxe. A praia de Laxe acolle mañá a o Allstar-2017; unha competición que se enmarca dentro da Liga Nacional da Billarda. A cita arranca ás 12 horas co concurso de triplas e mates e despois dun xantar de irmandade disputarase o Aberto das Estrelas. O evento remata cun concerto da man de varios grupo da bisbarra.
- Mañá celebrarase a I andaina pola Igualdade en Santa Comba que arranca ás 11 horas da casa da Cultura da vila. Na clausura, haberá unha merenda e uns poemas da man de Dolores Blanco.
- Limpeza coído de Touriñán. Por terceiro ano consecutivo, voluntarias e voluntarias da asociación Mar de Fábula limparán o coído de Touriñán. A cita é mañá sábado e está previsto que todas aquelas que desexen participar neste Encontro co Mar se xunte ás 12 horas no faro de Touriñán.
- Redacción QPC ([email protected])