A #AxendaCostadaMorte trae actividades para todos os públicos
03:15 10/03/17
Todos os públicos teñen cabida na #Axenda de ocio desta fin de semana. Teatro para adultos, teatro en familia, exposicións e algunha que outra festa enchen de actividade a oferta cultural da Costa da Morte para esta segunda fin de semana de marzo. 4gotas.com trae o parte costeiro onde fala do pronóstico metereolóxico destes días.
Hoxe lucirá o sol e mesmo irá calor ao mediodía, con mañás e noites frescas. Mañá sábado cambia o tempo e dicimos adeus á primaver. Chegarán nubes xa desde a madrugada e quedará unha xornada gris, con máximas nos 15 grados e con orballos intermitentes no interior da Costa e na comarca de Bergantiños. Entre Fisterra e Muros abriranse claros por momentos.
O domingo ten un pronóstico algo incerto. O anticiclón vaise cara centroeuropa e malia que chega outro desde os Azores no medio cóase unha fronte que é a que deixará as nubes e os orballos do sábado e dependendo da posición que tome ese segundo anticiclón durante o final do sábado gozaremos dun domingo con máis ou menos sol. Semella que non acabará de entrar, teremos vento do norte que achegará moitas nubes e chuvias febles ao norte da Costa e no interior. Entre Fisterra e Muros o domingo alteranarán nubes e claros e é moi posible que non chegue a chover.
Atentos a www.4gotas.com por se houbera cambios no prognóstico do domingo.
Teatro
- Talía Teatro presenta hoxe en Carballo a súa última montaxe: Ubú Rei, unha obra imprescindible do teatro moderno e de permanente actualidade. A función, que se enmarca dentro dos Venres Culturais, comeza ás 21 horas no pazo da Cultura. O custe da entrada ordinaria é de 4€.
- A casa da Cultura de Vimianzo ponse mañá en clave feminina coa obra de teatro "As do Peixe" de Contraproduccións. Catro mulleres, ex-traballadoras dunha desaparecida fábrica de conservas, acoden a un “taller da memoria” e, ao tempo que reconstrúen parte da súa experiencia laboral, rememoran pasaxes da súa vida persoal e familiar, comentan aspectos da actualidade e expresan as súas ilusións ou desconfianzas no futuro. A obra comeza ás 21:30 horas e o custe da entrada é de 5€ (2,5 € para estudantes e maiores de 65 anos).
- No marco da conmemoración do día da muller, o centro cultural de Muros acolle mañá - ás 21:30 horas - o espectáculo "Voaxa e Carmín" da compañía ButacaZero. A entrada ten un custe de 3,5€.
- Federico Pérez presenta este sábado o seu monólogo "Ración de Breogán" no auditorio da casa da Cultura da Picota, en Mazaricos.
- Teatro en Familia en Carballo. A compañía Galitoon trae este domingo ás 18 horas o seu espectáculo "Güela-Güela"; unha colorida aventura cargada de diversión, humor e música que realza a importancia da amizade, a solidariedade e a familia.
Exposicións permanentes
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, abren todos os sábados e domingos de 11 a 19 horas. Ademais, o pazo acolle unha mostra de pezas de Olería de Buño e ofrece visitas guiadas gratuitas ás 13 e ás 17 horas.
- No dolmen de Dombate ofrécense visitas guiadas todos os días de 10:30 a 14 e de 16 a 18:30 horas.
Festas
- O pavillón de Zas acolle mañá a III festa da Filloa organizada pola asociación de veciños de Loroño. Ademáis de cocido, filloas á pedra, postres e café haberá música a cargao de Sindo Dourado, Vinte en Baio e O Ghusto do Boi.
Concertos
- O Celme Café de Vimianzo acolle mañá sábado, a partir da media noite, un concerto da man de Bricadelia Troupe, unha banda de Santiago cun "ritmo triturador".
Outras citas
- Charla-exposición sobre Billarda en Laxe, este sábado para preparar o Allstar da semana que vén.
- Rafael Lema e Natalia Lema Otero presentan hoxe en Ler Liberías de Santa Comba os seus libros nun acto que comeza ás 20 horas. "Costa da Morte. Crónica Marítima" e "Baos" son os títulos que se darán a coñecer.
- Este domingo, A Picota (Mazaricos) acolle unha concentración de coches deportivos. Ás 12 horas os vehículos concentraranse no campo da festa da vila e despois do xantar - que terá lugar na casa Jurjo - sairán en ruta para pasar por Dumbría, Cee e Muros.
- Esta fin de semana continúa en Laxe o programa de catas que se inclúen dentro do proxecto turístico Reláxese2017. Hoxe, ás 18 horas, haberá unha cata da D.O. Rioja de bodegas Ramón Bilbao e mañá unha da D.O. Monterrei do godello Mara Martín de adegas Martín Códax.
- Redacción QPC ([email protected])