A #AxendaCostadaMorte vive unha fin de semana cargada de actividades
06:15 18/11/16
Con actividades para todos os gustos chega unha nova entrega da #AxendaCostadaMorte. Teatro, micoloxía, concertos e unha cita coa gandeiría son as citas máis destacadas dunha fin de semana outonal que virá marcada polo vento, tal e como o recolle o parte costeiro de 4gotas.com:
O venres comezará a baixar a temperatura e será unha finde fresca. Non pasaremos dos 15ºC na costa e dos 13 no interior.
Tamén falaremos do vento.
No venres do noroeste con refachos de 60-70 km/h no litoral. Calmarase un pouco na madrugada pero no final da mañá do sábado comezará a arreciar do suroeste e ollo ao mediodía e sobre todo á tarde do sábado xa que se acadarán os 90-100km/h en boa parte da Costa e puntualmente, en puntos altos e despexados poden superarse os 120km/h.
Na madrugada do domingo e durante todo o domingo seguirá zoando o vento pero non con tanta intensidade (60-70km/h tamén do suroeste). Volvendo a aumentar (80-90km/h) no final do domingo e na madrugada do luns.
Ollo tamén no mar:
O venres o vento do noroeste fará que medre o mar ata acadar ondas de 7 metros de altura na tarde do venres e quedarán nos 4-5 metros no resto da fin de semana.
E chegará a chuvia.
O venres serán chaparróns puntuais, máis frecuentes entre Muxía e Malpica. O sábado a mañá máis frecuentes entre Fisterra e Muros e a partir do mediodía chega a chuvia da fronte. Choverá con intensidade no mediodía e na tarde do sábado, acumulando 40-60 l/m2.
O domingo seguirá a chover, pero de xeito máis intermitente en xeral, iso si, na tardiña e na noite no litoral entre Fisterra e Muros e no interior caerá bastante auga outra vez.
Semana gandeira
O sector lácteo ten esta fin de semana una cita en Mazaricos. Xornadas técnicas, showcooking con Ana Oca, concurso de muxido, poxa de xovencas e obradoiros serán as principais actividades que se desenvolvan mañá e o domingo no recinto feiral da Picota.
Teatro
- A XII Mostra de Teatro continúa esta noite no centro Cívico de Malpica coa obra “Fábula Galénica” de Fantoches Baj (Produce Urdime). A cita comeza ás 20:30 horas. Esta compañía recibiu o VII premio Barriga Verde de texto para teatro de monicreques.
- En Santa Comba continúa mañá o II ciclo de teatro coa obra "Sede de mal" protagonizada por Luis Iglesias e Xavier Deibe. A representación comeza ás 22 horas no edificio Multiusos.
- Ibuprofeno Teatro trae este sábado a súa obra "Furancho" á XXIII edición do ciclo de teatro de Ponteceso. A cita comezá ás 22:30 horas.
- A compañía Lisístrata trae este sábado a súa obra "Miña casiña meu lar" á casa da Cultura de Vimianzo nunha actuación que se emmarca dentro da programación cultural deseñada polo concello. A cita comeza ás 21:30 horas e a entrada é de balde.
- O centro cultural de Muros acolle mañá, ás 21:30 horas, o espectáculo "Os contos de Joselín"; un traballo de a Central Folque cos contadores - e cantadores - Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín.
- O espectáculo “Falar sen Cancelas” de Isabel Risco, Fran Rei e Pedro Brandariz chega este domingo a Fisterra dentro da programación cultural de novembro posta en marcha polo concello. A cita é ás 19 horas no salón de actos do concello e está dirixida ao público adulto.
- Os restaurantes de Vimianzo continúan promocionando os protuctos deste tempo co programa Vimianzo Gastronómico . Son varios os establecementos os que que ofrecen un menú específico a un prezo reducido.
- En Laxe celebran esta fin de semana a I ruta gastronómica de pinchos elaborados con castañas na que participan distintos establecementos da localidade nos que poderán degustar distintos pinchos que terán como ingredinte a castaña. O peche a esta ruta poñerao o magosto e a sexta mostra de artesanía galega que terá lugar no pavillón polideportivo da vila entre as 17 e as 20 horas.
- Esta fin de semana continúan as II xornadas micolóxicas "Terras do Xallas" que se centrarán na visita a unha empresa micolóxica e forestal onde os participantes poderán participar dunha degustación de cogomelos.
- Ponteceso acolle mañá as II xornadas de iniciación micolóxicas. Os participantes sairán ao monte a recoller exemplares e logo catalogaranos baixo as explicacións de Paco Souto.
- Mañá terá lugar en Carballo o Festival de Corais que se enmarca dentro do programa musical do mes de novembro. Actuarán o coro Aires de Bergantiños e coral polifónica de Bergantiños. O festival comeza ás 21 horas no pazo da Cultura.
- A banda de música Sementeira de Cambre ofrece este sábado un concerto na casa da Cultura de Cee dentro do programa Novembro. Mes da Música. O espectáculo comeza ás 20:15 horas e o custe da entrada xeral é de 2,5€ e a bonificada é de 1,5€.
- O grupo Huella traerá mañá ao Celme Café de Vimianzo (a partir das 23:59 horas) o mellor pop rock en español de todolos tempos.
- A casa da Pedra de Camariñas acolle este domingo o IV encontro de Corais que comeza ás 20 horas. Participarán a coral Lembranzas da Terra de Valdoviño, a coral polifónica de Cariño e o coro de mulleres de Camariñas.
- Os participantes do 5º Outono en Marcha de Senda Nova percorren este domingo as "Pegadas do Wolframio" que discorren entre Carballo e Malpica. O roteiro ten 19 quilómetros de distancia e de dificultade é media.
- Ruta guiada polo Monte Pindo. O albergue Portaventosa organiza para este domingo unha visitas guiadas ao monte Pindo que partirá da aldea de O Fieiro.
- O faro Vilán acolle ata o 23 de decembro unha exposición de pintura da pintora local María Dolores Barcia. O horario de visita é de 11 a 14 horas e de 15:30 a 2o horas.
- A tenda turística Stoupa de Cee acolle durante este mes unha peculiar exposición de pezas de cartón pedra creadas por Carmen Armendáriz e Quico Guillán, do taller carnotán “Charamusca”. A exposición pode visitarse durante todo o mes en Stoupa (situada na rúa Campo do Sacramento, 23, Cee) de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas. Tamén os domingos de 11 a 14 horas.
- Castelo de Vimianzo. A fortaleza así como a súa mostra de artesanía ao vivo pódese visitar todos os días da semana en horario de 10:30 a 14 horas e de 16 a 19 horas.
- As Torres do Allo, en Zas, poderanse visitar os venres, sábados e domingos de 11 a 19 horas.
- Esta noite, a partir das 20 horas, o local de AFABER (situado na rúa Camelias, 2 de Carballo) acolle un magosto para todos os socios e colaboradores da entidade.
- Os adolescentes de Vimianzo teñen esta noite outra cita co Noiteando. Nesta ocasión para participar na actividade “Time`s up e máis xogos de mesa” que terá lugar na casa da Cultura da vila entre as 21 e as 23 horas.
- A asociación Pedramar do Pindo celebra mañá a partir das 19 horas o II magosto celta no que haberá castañas e carne á brasa.
- Co gallo do día internacional contra a violencia de xénero, mañá sábado ás 19 horas terá lugar no salón de plenos do concello de Muros unha charla-coloquio de mulleres muradanas. Intervirán Mayka González, emprendedora do sector económico, Rocío Fernández, traballadora no ámbito alimentario, Juana Martínez, xubilada do mar e Noemí Carballo, traballadora en educación.
- Redacción QPC ([email protected])